Escoitar

A Cabalgata de Reis repartirá toneladas de caramelos de Isaac Peral ao paseo de Afonso

Os reis magos de Oriente xa están en Vigo. Despois das pertinentes visitas ao longo da mañá de hoxe xoves, e do recibimento da tarde na Porta do Sol, a Cabalgata partirá ás 18:15 do nó de Isaac Peral.

xoves, 5 xan 2006
Ao longo da mañá, os reis magos de Oriente visitaron diversos puntos da cidade, como POVISA, o Complexo Hospitalario Xeral-Cíes, o Hospital Nicolás Peña, a Casa de Acollida e o asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados.

Ás 18:15, despois da recepción na Porta do Sol, a Cabalgata de Reis partirá do nó de Isaac Peral e continuará por García Barbón, Policarpo Sanz, a Porta do Sol e Elduayen, ata chegar á oliveira do paseo de Afonso, sobre as 19:30.

A comitiva estará formada por 14 carrozas. Cinco delas son do Concello e as nove restantes pertencen ás empresas que colaboran no evento. Melchor, Gaspar e Baltasar serán acompañados por 11 grupos de animación, entre os cales figurarán tres camelos, o grupo teatral "La Fiesta Escénica" e un conxunto de pallasos xigantes. Ademais, durante o percorrido catro focos de grandes dimensións proxectarán imaxes relativas ao Nadal sobre os edificios.

Este ano cada carroza estará dedicada a un conto ou personaxe infantil. Así, poderanse ver carrozas dedicadas a Vickie o vikingo ou á historia de "A Bela e a Besta".

Desde as tres carrozas dos reis magos lanzaranse 4.000 kilos de caramelos sen gluten, aptos para nenos e nenas celíacos. Así mesmo, repartiranse 10.000 globos en distintos puntos do percorrido. A organización da Cabalgata pide a colaboración dos adultos para que eviten que os nenos se expoñan a ser atropelados polas carrozas ao iren recoller caramelos. Trescentos cincuenta voluntarios velarán por que a festa transcurra con normalidade.

A Cabalgata de Reis de 2006 suponlle ao Concello un gasto de algo máis de 190.000 euros, uns 61.000 máis que a de 2005.