Escoitar

A alcaldesa recibirá os reis magos na Porta do Sol antes do inicio da Cabalgata

Melchor, Gaspar e Baltasar serán recibidos hoxe xoves pola alcaldesa, Corina Porro, ás 17:30 na Porta do Sol, xunto á escultura do Sireno, onde a alcaldesa lerá o seu discurso de benvida. Antes, a nena de oito anos Catalina Fontón será a primeira en dirixirse aos reis lendo unha carta redactada por ela mesma.

xoves, 5 xan 2006
DISCURSO DA ALCALDESA NA RECEPCIÓN AOS REIS MAGOS 2006

Excelentísimas Maxestades, Señores Reis Magos de Oriente.

Despois da súa longa viaxe, despois de ter atravesado os áridos desertos, os sete mares e as máis altas montañas da terra, Vigo recíbelles con reverencia e recoñecemento.

Queridos Reis Magos. A cidade de Vigo, con toda humildade, desexa trasladarlles os seus propósitos para este ano novo, logo de ter traballado arreo durante o vello 2005 que ficará gravado nos nosos corazóns despois de que a nosa cidade dese a volta ao mundo mercé a VOLVO.

Aínda que vello, o ano que rematou, desenterrou as ilusións e as esperanzas dos vigueses, a confianza en que podemos construír unha cidade mellor, que podemos, entre todos, vivir en paz e harmonía e manter a cidade unida na procura de desenvolvérmonos como comunidade, solidaria, traballadora, creativa.

Pero na nosa carta a Vostedes, Excelentísimas Maxestades de Oriente, Vigo quere pedirvos que no 2006 non marchen os máis dun millón de nenos que falecen de malaria cada ano. Que a terapia contra a SIDA acade aos 40 millóns de enfermos do planeta. Que o pan chegue aos mil millóns de persoas que padecen fame crónica. Que a paz acade aos 30 países que hoxe viven sumidos na guerra...

E os vigueses queremos, queridos Reis Magos, moitos bicos para todos os nenos e nenas que nunca recibiron un, moitas caricias para tantas persoas maiores que se atopan soas.

Os vigueses cremos que vós podedes axudármonos, aínda que sabemos que acabar coa guerra, a fame, a enfermidade, a violencia ou a escravitude está nas mans de todos e cada un dos seres humanos.

Movamos as nosas conciencias e os nosos corazóns. Que os nosos mellores propósitos non fiquen esquecidas no tempo.

Ao igual que lembramos hoxe, coa vosa chegada, o momento do alumeamento de Xesús e a pasaxe da Biblia que relata cómo as Súas Maxestades, os Reis Magos de Oriente, acudiron a adorar ao pequeno Xesús advertidos por unha estrela.

Queridos Reis Magos, os nosos nenos foron bos e xenerosos. Vostedes, que son homes de paz e sabedoría, saben que eles son o mellor que temos, que eles son a nosa estrela, que por eles traballamos. Cumpran os seus pequenos desexos cos presentes que lles pediron nos milleiros de cartas que lles enviaron.

Esperanza e ilusión para todos nesta noite máxica e nas que virán despois. Benvidos a Vigo Maxestades.


CARTA DE BENVIDA DE CATALINA FONTÓN PINTADO

Queridos Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar:

Chámome Catalina e son de Vigo. Aquí vos esperamos todos os nenos coa nosa cidade chea de luces e cores para a vosa chegada, seguro que vos decatades cando fagades o reparto de regalos do bonita que está a quedar a nosa cidade.

En nome de todos os nenos de Vigo escríbovos esta carta, para pedirvos que se cumpran todos os soños de todos os nenos de Vigo e do mundo, especialmente dos que máis o necesitan, os que teñen fame, os que están enfermos, os que teñen problemas para se moveren e de todos aqueles que por algún motivo non son tan felices coma nós.

Tamén queremos pedirvos paz e felicidade para toda a humanidade.

E por suposto traédenos algúns xoguetes, que este ano fomos moi bos.

Moitísimas grazas e moitísimos bicos da cidade e dos cidadáns de Vigo.