Escoitar

O Concello fará corrixir posibles deficiencias nas obras do Centro antes de as recibir

O portavoz do Goberno local, José Manuel Figueroa, asegurou hoxe xoves que o Concello fará corrixir as deficiencias nas obras de humanización do Centro, se as houber, antes de recibilas. Segundo Figueroa, as rúas afectadas por estes traballos están "en perfectas condicións de saneamento".

xoves, 10 nov 2005
1131631888xeren1011.jpg
Estas declaracións producíronse durante a reunión do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, na cal os representantes dos grupos da oposición criticaron o Goberno municipal polas inundacións do martes no centro da cidade. PSdeG-PSOE, BNG e PG lembraron ter pedido a pasada semana un informe técnico sobre os servizos do subsolo das rúas incluídas no proxecto de humanización Vigo 2005.

José Manuel Figueroa achacou o problema ás "chuvias excepcionais" dese día e recordou que tamén houbo inundacións en "case toda a cidade", así como en Cangas e Moaña. O portavoz popular sinalou como causa do asolagamento do Centro un aliviadoiro da rúa Colón que está tapiado e que foi construído por Augas de Galicia no ano 2000 para solucionar os problemas do colector principal que baixa por Colón.

Sobre este punto, Figueroa lembrou que o Goberno municipal ordenou executar de xeito inmediato polo trámite de urxencia as obras que permitan a conexión deste aliviadoiro co mar.

Esta orde produciuse unha vez que o Goberno municipal coñecu as conclusións da reunión que tivo lugar onte mércores entre técnicos municipais, de Aqualia e representantes das empresas encargadas das obras. Na reunión acordouse facer unha revisión e limpeza xeral dos sumidoiros e colectores que recollen as augas pluviais nas rúas situadas entre a zona do Calvario e a Alameda (incluída), e praza de España e Urzaiz.

Xerencia Municipal de Urbanismo

Por outra parte, o Consello da Xerencia Muincipal de Urbanismo acordou, coa abstención do PG, encomendar a xestión da dirección, control e inspección das tarefas propias da Oficina Municipal de Rehabilitación da Vivenda no ámbito do Casco Vello ao Consorcio do Casco Vello.

Ademais, resultou adxudicado, por 549.600 euros, o contrato da consultoría e asistencia técnica encargada do desenvolvemento da Oficina Municipal Xestora de Actuacións Viarias, á empresa Técnicas Territoriales y Urbanas. A duración do contrato é de dous anos. A adxudicación aprobouse coa abstención do PSdeG-PSOE e do PG.
Descargar todas as imaxes