Escoitar

A Casa das Artes acolle unha exposición fotográfica de Pedro Brey

A Casa das Artes abre o venres unha exposición fotográfica sobre os principais traballos de Pedro Brey Guerra e esta composta de 71 fotografías positivadas das placas orixinais e do intervalo temporal de 1910-1930.

xoves, 10 nov 2005
Pedro Brey Guerra (Oca, A Estrada, Pontevedra 1889-1967), retratista vocacional e mestre de escola, documentou os seus traballos fotográficos no reducido ámbito da parroquia de Oca e na contorna estradense do Val do Ulla. Con eles reflicte unha veciñanza e un territorio que coñece fondamente con singular mestría e que chegan a esta mostra cedidos pola familia Brey.

As fotografías de Pedro Brey Guerra, inéditas atá hoxe, configuran un variado e fermoso lenzo parroquial que se converte nun lúcido e sorprendente ensaio en imaxes sobre o tempo que lle tocou vivir. Un pequeno tesouro da nosa fotografía que, desde a súa sinxela concepción, aparece liberado de modais artificiosos ou de calquera intención allea á pureza primixenia do acto fotográfico

A mostra está patrocinada polo Concello de Vigo, polo Centro Galego de Artes da Imaxe , en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela A exposición , que se inaugura ás oito da tarde do venres , permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 8 de xaneiro.