Escoitar

O Servizo de Normalización Lingüística organiza o obradoiro para nenos "O falar non ten cancelas"

A partir do próximo sábado 12, os nenos e nenas entre 9 e 12 anos poden participar no obradoiro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello "O falar non ten cancelas", co que se pretende que aprendan as utilidades da lingua dun xeito divertido.

mércores, 9 nov 2005
Este obradoiro desenvolverase no Verbum (avenida de Samil, 17) en dous grupos: un, de 11:00 a 13:00, e o outro, de 17:00 a 19:00. A inscrición pode realizarse ata o venres día 11 no propio Verbum ou chamando ao 986 240 130 de 10:00 a 19:00.

Integración para nenos inmigrantes

O Servizo de Normalización Lingüística tamén organiza un obradoiro de integración lingüística para nenos e nenas inmigrantes de 9 a 12 anos, co obxectivo de achegarlles un coñecemento básico da realidade social e lingüística de Galicia. O obradoiro de integración desenvolverase tamén a partir do sábado 12, de 10:30 a 12:30. O prazo de inscrición está aberto ata o venres 11. Os interesados poden acudir á Biblioteca Central ou ben chamar ao 986 229 074 de 9:00 a 20:30.

Lexislación lingüística

Ademais, para dar a coñecer a lexislación básica que afecta ao galego, enfocada do punto de vista dos dereitos e dos deberes, o Servizo de Normalización porá en marcha, do 21 de novembro en diante, un obradoiro de lexislación lingüística dirixido á poboación viguesa en xeral. O horario deste obradoiro, que terá lugar no edificio Asefal (rúa Elduayen, 36), é de 19:30 a 21:30.

A inscrición pode formalizarse ata o 18 de novembro no correo electrónico ofi.normalizacion@vigo.org, no Servizo de Normalización Lingüística (Casa do Concello, 1º andar) ou chamando ao 986 819 281 de 8:00 a 14:00.

O número de prazas por cada curso e de vinte. Estas prazas cubriranse por orde rigorosa de inscrición. Os obradoiros son gratuítos.