Escoitar

A semana de celebracións da Volvo culminará cun espectáculo de música, luz e son en Bouzas

A bahía de Bouzas converterase na noite do venres día 11 nun grande auditorio co espectáculo audiovisual "A festa do mar". Este evento, no cal actuará como figura central o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, será o punto culminante das celebracións previas á saída da Volvo Ocean Race.

martes, 8 nov 2005
1131460274budino.jpg
A partir das 21:00 e ata as 22:30, a bahía de Bouzas servirá como escenario de todo este espectáculo multimedia, no que destacará a pirotecnia sincronizada e a utilización do láser e dos proxectores de diapositivas. No medio da bahía instalarase un escenario flotante, sobre o cal actuará Xosé Manuel Budiño e a súa banda, acompañado por outras doce bandas de gaitas galegas.

Durante o evento chegarán a tocar ao mesmo tempo uns 500 gaiteiros, situados en ambas as dúas bandas da baía. Así mesmo, haberá contínuos cambios na envolvencia visual do espazo e efectos pirotécnicos puntuais con resultados que se anuncian espectaculares. "A festa do mar" irá crecendo en intensidade ata alcanzar unha apoteose final en que a iluminación, a pirotecnia, o láser e o son se fundirán de maneira sincronizada.

A alcaldesa, Corina Porro, definiu esta celebración como "show emblemático". Na presentación da "Festa do mar" estivo presente o propio Xosé Manuel Budiño, cuxo último traballo, "Zume de Terra", foi colocaldo recentemente polos responsables da revista online "Folk World" entre os dez mellores discos de folk de 2004.
Descargar todas as imaxes