Escoitar

Aprobada a segunda fase do acondicionamento da Xunqueira do Lagares por 620.000 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe luns a segunda fase do proxecto de acondicionamento da Xunqueira do Lagares, redactado polo Ministerio de Medio Ambiente, a Dirección Xeral de Costas e o Servizo de Costas de Pontevedra. A realización deste proxecto supón un gasto de 620.000 euros.

luns, 7 nov 2005
A actuación aprobada hoxe luns contempla unha senda de madeira de 380 metros na zona máis sensible da marisma e unha modificación do trazado con demolición do xa construído e a pertinente expropiación.

O informe dos servizos técnicos da Xerencia Municipal de Urbanismo sinala como detalles máis significativos do proxecto a adecuación de parte dos pavimentos previstos e colocados e a construción dunha ponte de dez metros na zona oeste da marisma para minimizar o impacto da obra, así como a instalación dunha caseta de observación da fauna.

Segundo este mesmo documento, o proxecto inclúe o acondicionamento de noiros, unha revexetación e a realización de obras auxiliares para a evacuación de augas e a dotación de mobiliario urbano, reconstruíndose parte dos muros existentes con anterioridade. O prazo de execución dos traballos é de oito meses.

O acordo aprobado hoxe luns pola Xunta de Goberno establece tamén que o Concello poña a disposición do Ministerio de Medio Ambiente os terreos necesarios para esta actuación.