Escoitar

Entrega de diplomas do proxecto de emprego "Alicerce"

A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Molares Pérez, entregou os diplomas de formación ás mais de sesenta persoas que remataron a súa participación no proxecto europeo "Alicerce", nun acto oficial que tivo lugar hoxe luns no Auditorio municipal.

luns, 3 out 2005
O "Alicerce", que remata este mes de outubro, foi promovido pola Concellaría de Desenvolvemento Local e Emprego, no marco do Fondo Social Europeo, co obxecto de mellorar a ocupabilidade de persoas desempregradas no eido de atención as persoas, fomentar o autoemprego e impulsar a existencia de iniciativas empresariais. Con este fin o proxecto levou a cabo os seguintes itinerarios: o de creación de empresas, o de mediación intercultural, o de adiccións e condutas de risco e, por último, o de lecer e tempo libre en terceira idade e discapacidade.

Para poder desenvolver a fase de prácticas dos itinerarios, o proxecto asinou acordos e convenios de colaboración con 27 centros, que facilitaron ó alumnado a posibilidade de establecer contacto laboral co sector de atención ás persoas, así como desenvolver pautas de traballo nun medio real.

O proxecto "Alicerce" comezou hai ano e medio cun proceso de selección no transcurso do cal realizaronse 229 entrevistas para determinar o perfil das persoas candidatas, incorporándose finalmente aos diferentes itinerarios 70 persoas desempregadas (maioritariamente mulleres). Na actualidade 32 destas persoas están traballando, o que significa que o proxecto acadou un 45% de inserción entre os seus participantes.

Cunha duración de 18 meses, o proxecto "Alicerce" tivo un orzamento total de 843.147,87 €, do que un 70% financiouse con fondos da chamada Subvención Global do Fondo Social Europeo e o resto, aportouse desde o Concello de Vigo.