Escoitar

O Consello de Accesibilidade toma medidas para mellorar a mobilidade das persoas discapacitadas

O Consello de Accesibilidade reuniuse hoxe venres para buscar solucións aos problemas que atopan moitas persoas de personalidade reducida á hora de se desprazaren por Vigo.

venres, 30 set 2005
1128087374acces3009.jpg
Na Comisión Permanente do Consello de Accesibilidade participaron varias asociacións de discapacitados, un membro do colexio de aparelladores e outro do colexio de enxeñeiros, un técnico de Benestar Social e outro de Seguridade e Transporte, o concelleiro de Seguridade, Antonio Coello, a concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, e o xerente da Mancomunidade de Vigo, Norman Pérez. O problema do transporte foi o tema máis importante da reunión.

Así, co obxectivo de mellorar a mobilidade dos discapacitados e paliar as limitacións do transporte público, o Concello está a desenvolver un sistema de bonotaxi que se levará a cabo mediante subvencións das que se beneficiarán estas persoas.

Ademais, segundo anunciou Antonio Coello, dentro dun prazo que vai de seis a oito meses Vigo contará cun novo autobús PMR (para persoas de mobilidade reducida), que se sumará ao que hai en funcionamento actualmente. O Concello quere que grazas a este novo autobús PMR se poida ampliar, de modo gradual, o horario deste servizo, facendo que pase de funcionar só os sábados pola mañá, como agora, a cubrir toda a semana.

Por outra parte, o Concello fará gratuíto a partir de xaneiro de 2006 o desprazamento en Vitrasa para as persoas de mobilidade reducida e os seus acompañantes. Outras medidas referentes ao transporte son a centralización dos autobuses accesibles para que os discapacitados poidan usalos máis facilmente e a entrada en funcionamento, a finais de ano, de 12 novos autobuses con rampa telescópica.

Por último, o Consello de Accesibilidade tratou sobre as obras para eliminar barreiras arquitectónicas, as actividades para persoas de mobilidade reducida que se desenvolverán no marco da Volvo Ocean Race e o traslado, por parte de Norman Pérez, dun plan estratéxico sobre discapacidade, elaborado polas asociacións de discapacitados, á Mancomunidade de Vigo.
Descargar todas as imaxes