Escoitar

Colaboración cultural entre Concello e Mercantil

A alcaldesa,Corina Porro, e o presidente do Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo, Cándido Rial, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para o desenvolvemento das actividades desta entidade ao longo do presente ano.

xoves, 29 set 2005
1127990591mercantil.jpg
Edificio do Mercantil
Por este acordo, o Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo comprométese a cumprir o seu programa de actividades, así como a reservar unha páxina na súa revista "El Mercantil" para a información institucional que a alcaldía considere oportuna. Ademais, entre outros requerimentos, o Círculo programará tres concertos especiais da Coral Casablanca con orquestra , o Memorial Lírico Camilo Veiga e o de Nadal; facilitará unha sala para realizar as exposicións que lle remita o departamento de Cultura do Concello e posibilitará o acceso público aos fondos da biblioteca para a realización de traballos de investigación e estudo.

O Concello, pola súa parte, achegará a este convenio de colaboración 18.000 euros. Unha primeira achega, de 9.000 euros, realizarase tras a sinatura deste acordo. Os outros 9.000 euros serán aboados antes do 27 de decembro, unha vez que o Círculo presente a memoria de avaliación da súa programación.

O Círculo Cultural, Mercantil e Industrial de Vigo, institución fundada no ano 1891 e que realiza unha labor que chega directamente a 22.000 asociados, ven desenvolvendo ó longo dos anos un intenso esforzo no eido cultural, deportivo e lúdico que se estende a tódolos cidadáns e cidadás de Vigo a través de actos públicos, institucionais e aberto, que contribúe, ademais, á proxección da imaxe exterior da cidade.

Por este e outros motivos, concedéuselle a Medalla de Ouro da Cidade, a Placa Nacional ao Mérito Deportivo, así como outras distincións de recoñecido prestixio.
Descargar todas as imaxes