Escoitar

O Pleno aproba un investimento de 4 millóns para diversas actuacións no municipio

O Pleno da Corporación Municipal aprobou por unanimidade hoxe luns un investimento de cerca de 4 millóns de euros, con cargo a remanentes líquidos, para acometer unha serie de actuacións en diversos ámbitos. Ademais, foi modificada unha serie de ordenanzas relativas a taxas municipais.

luns, 12 set 2005
1126535296guerra.jpg
Javier Guerra
Este investimento (3.936.514,36 euros) é o que se propuxo o BNG nunha enmenda que recibiu o apoio de todos os grupos e que veu modificar, reducíndoa, a proposta do PP, que incluía actuacións cun custo de máis de 18 millóns de euros con cargo a remanentes líquidos de Tesourería. Esta última proposta só foi apoiada polo PP.

Así, o investimento aprobado para a área de Administración Xeral é de 1.000.000 de euros, cantidade que se destinará á adquisición do edificio deo Reitorado.

A área de Deportes recibe 909.419,31 euros, divididos entre a reimplantación do céspede do Estadio Municipal de Balaídos (94.272 euros), o arranxo de deficiencias na pista de fútbol sala de San Xoán do Monte (73.147,31 euros), obras de reparación eléctrica urxente (72.000 euros), pagamentos correspondentes ao trofeo Cidade de Vigo (300.000 euros) e outras débedas pendentes (600.000 euros).

Na área de Patrimonio Histórico, o investimento, de 527.767 euros, repártese entre un monumento aos mariñeiros mortos no mar (60.000 euros), a rehabilitación do muro do estanque de Castrelos (150.000 euros) e o reforzo do muro do parque de Castrelos (317.767 euros).

Relacións Cidadás recibirá 418.328,05 euros, cantidade que se destinará ao Centro Cívico de Saiáns (260.759,26 euros), á reparación de fisuras no edificio da Asociación de Veciños de Navia (18.862,79 euros), á adquisición de butacas para o Auditorio de Valadares (30.000 euros) e á primeira fase da urbanización de accesos a Saiáns (108.706 euros).

Outros 600.000 euros serán destinados á praza pública do Berbés, mentres que 300.000 servirán para cubrir gastos da depuradora do Lagares. Por último, 72.000 euros serán para a instalación de cinemómetros e outros 19.000, para melloras en mercados.

Modificación de taxas

Tamén no Pleno de hoxe foi aprobada, co voto favorable do PP e a abstención dos restantes grupos, unha serie de modificacións de ordenanzas de taxas relativas a distintos servizos municipais. Tam só non subiron as do imposto de plusvalía, construcción, centro de día de maiores, escolas infantís e Imposto de Bens Inmobles (IBI).

O concelleiro Javier Guerra, do PP, defedeu estas modificacións argumentando que o Goberno municipal está a levar unha política financeira "impecable", o que, ao seu ver, se reflicte no 80% de actuacións presupostadas executadas ou en período de execución a día de hoxe ou no 95% de transferencias de capital cubertas na actualidade.

María Luísa Graña, do PSdeG-PSOE, acusou a Javier Guerra de limitarse a aplicar nestas modificacións o 3,5% correspondente ao IPC, así como de carecer de estudos e análises "que permitan constatar melloras na xestión dos servizos públicos".

Pola súa parte, o concelleiro do BNG Henrique Viéitez dixo que o Goberno municipal "non só non cumpre as súas promesas electorais, senón que pon en perigo a facenda pública". O representante do PG Manoel Soto xustificou a abstención do seu grupo dicindo que a recadación está "relativamente lonxe" de onde debería estar.
Descargar todas as imaxes