Escoitar

O Goberno Local acepta a solicitude de 1,8 millóns da concesionaria Vigo Recicla

A Xunta de Goberno Local aceptou hoxe luns a solicitude de revisión de prezos feita pola empresa UTE Vigo Recicla, concesionaria do servizo de contenerización, recollida e transporte a recicladores autorizados dos residuos sólidos urbanos reciclables.

luns, 5 set 2005
1125923229chem0509.jpeg
O importe da solicitude é de 1.822.702,61 euros, a partir do 1 de xaneiro de 2005, a prezos de 2004. Así mesmo, a Xunta de Goberno Local recoñece o dereito de UTE Vigo Recicla a percibir 47.231,98 euros en concepto de atrasos correspondentes ao ano 2004, previa presentación da correspondente factura. Polo mesmo acordo impútase ao orzamento de 2005, actualmente en vigor, o importe correspondente a estes gastos, propostos polo Departamento de Limpeza.

Por outra parte, na área de Educación, a Xunta de Goberno Local deu o seu visto bo ao proxecto de obra de peche perimetral do recinto escolar do CEE "Saladino Cortizo", de Cabral. O custo desta actuación é de 60.055 euros.

Obras en beirarrúas

Fóra da orde do día, resultaron adxudicadas obras nas beirarrúas da Travesía de Vigo, por 741.402,40 euros, e de González Sierra, por un importe total de 364.910,68 euros.

Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou inicialmente o proxecto de obras ordinarias dunha subestación transformadora presentado por Unión Fenosa, así como o prego de condicións administrativas que rexerán a concesión para a ocupación de dominio público coa instalación da subestación eléctrica no Monte do Castro.

Na área de Benestar Social, concedéronse subvencións a un total de 15 entidades sen ánimo de lucro para programas e actividades de persoas maiores no ano 2005. As axudas, que van dos 1.000 euros aos 2.000, suman a cantidade de 25.000 euros.

Por último, no que atinxe a Turismo, quedou aprobada a convocatoria de tres bolsas de formación para realizar prácticas nas oficinas e servizos turísticos da Consellería do 15 de outubro de 2005 ao 15 de xuño de 2006. A dotación económica destas tres bolsas de formación ascende a 18.000 euros, dos que 5.625 corresponden ao orzamento deste ano e 12.375 ao exercicio de 2006.
Descargar todas as imaxes