Escoitar

"A través das enerxías" achega a actualidade enerxética á sociedade galega

Esta iniciativa pretende concienciar sobre a importancia dos recursos enerxéticos e o seu consumo responsable. Poderase visitar en Vigozoo en horarios de 10,30 horas a 14 horas e de 16,30 a 20 horas, de mércores a domingo.

martes, 2 ago 2005
O Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), coa fin de que a sociedade galega acade un coñecemento enerxético actual, pon á disposición do público a exposición "A través das enerxías". Que terá lugar nas instalacións de Vigozoo do 3 ao 31 de Agosto.

Con esta iniciativa preténdese mellora-la comprensión sobre a importancia dos recursos enerxéticos, fomenta-la necesidade de incrementa-la participación nas fontes de enerxía renovable e afondar nos factores económicos e ambientais derivados do consumo actual de enerxía.

Será un espacio didáctico e participativo, que porá de manifesto o papel clave e indispensable da enerxía no desenvolvemento do planeta e da nosa vida cotiá. Igualmente permitirá obter unha nova experiencia educativa e sensitiva que nos familiarice cos hábitos de consumo responsables.

Poderase acceder libremente á exposición sita en Vigozoo de mércores a domingo (ambos inclusive) nos seguintes horarios.

Mañás: 10:30-14:00 h.
Tardes: 16:30-20:00 h.