Escoitar

As actividades de verán continúan en Vigo-Zoo

Vigo-Zoo está a ofrecer este verán unha serie de actividades coas que pretende atraer máis visitantes e converterse no zoolóxico de referencia en toda Galicia e o Norte de Portugal. Entre estas actividades están as visitas guiadas, a posibilidade de pasar un día no zoo, charlas e un concurso de cómics.

luns, 1 ago 2005
1122896819camaleon.jpeg
Entre as actividades do programa de verán de Vigozoo que se están a desenvolver están as charlas interpretativas, unha actividade que se fai este verán por primeira vez. Estas charlas didácticas están dirixidas ao público en xeral para os fins de semana e festivos en horario de tarde. Os temas das charlas estarán relacionados cos animais máis representativos e característicos do parque. Esta actividade terá unha duración de 10 a 15 minutos, e o horario e nome das charlas serán expostos na entrada do parque e poderán ser anunciados por megafonía.

Unha actividade que xa alcanzou un grande éxito o ano pasado, "Un día no zoo", repetirase este verán aumentando o seu horario. Así, poderase optar pola modalidade de dez horas, que custa 15 euros, e que se desenvolve das 8:00 ás 19:30; ou pola de catro horas e media, que vai das 8:00 ás 14:00 e custa 6 euros. Os pais poderán compatibilizar esta actividade co seu horario laboral grazas a un servizo de gardería que funcionará de 8:00 a 9:30. Así mesmo, ampliouse a oferta a grupos organizados, colectivos e familias, incrementando. Os destinatarios principais desta actividade son os nenos entre 8 e 14 anos.

Concurso de cómics

Por outra parte, continúa aberto, ata o 31 de agosto, o concurso de cómics co que se quere promocionar o zoolóxico. Neste concurso poden participar todos os nenos e mozos de 8 a 18 anos que visiten as instalacións da Madroa. Os cómics deben ser inéditos e estar relacionados co zoo, cunha extensión libre e podendo utilizar calquera técnica. O concurso divídese en tres categorías (de 8 a 10 anos, de 11 a 13 anos e de 14 a 18 anos), con premios en metálico para cada unha.

Ademais, mantéñense as visitas guiadas de grupos organizados, aumentando a oferta do zoo a grupos minoritarios diferentes dos estrictamente escolares. Así, incrementouse o horario e dispúxose dun horario de mañá para os fins de semana.

Outra actividade nova é a mesa dos materiais, dirixida ao público xeral para os fins de semana e festivos a partir das 16:00. Neste caso o equipo educativo monta unha pequena mesa interpretetiva chea de material biolóxico co obxectivo de introducir os participantes na complexidade da vida animal e fomentar a curiosidade polo coñecemento deste campo.

Na mesma liña concíbese a exposición de distintos documentais relacionados co mundo animal e a natureza, os fins de semana e festivos a partir das 16:00. O acceso é libre para todos os públicos e as proxeccións comezan cada 60-90 minutos.

Ademais, para os máis cativos, organízase o "Toca-Toca". Esta actividade, que se desenvolve nos fins de semana e festivos en horario de tarde consta de sesións de 30 minutos nas que os participantes tocan, baixo a supervisión dun monitor, animais vivos, como tartarugas, lagartos, serpes, insectos e outros.
Descargar todas as imaxes