Escoitar

O Titirirrúa animará as rúas viguesas na segunda semana de agosto

O espectáculo de teatro nas rúas que xa vai pola segunda edición ocupará a praza da Estrela entre o 8 e o 12 de agosto para entreter a nenos e pais con animacións de monicreques e marionetas de distintas medidas.

martes, 2 ago 2005
Dentro das actividades previstas nas festas do Cristo da Victoria a semana do 8 ao 14 de agosto comeza a segunda edición do Titirirrúa. A primeira actuación terá lugar o luns 8 de agosto ás 20 horas na praza da Estrela coa obra de teatro "Don Quijote en la graciosa aventura del titerero", que correrá a cargo de Teatro Arbolé, de Aragón. A técnica desta actuación será a de monicreques de grande formato.

O martes 9 de agosto haberá o espectáculo de monicreques "Os narigudos", que terá lugar tamén na praza da Estrela e correrá a cargo da compañía galega Tanxarina. Serán monicreques compostos de luva e variñas.

O mércores 10 de agosto representarase na praza da Estrela a obra "El caballero de la triste figura" a cargo de Marcelo Rocca - El Retablo de la ventana, grupo de teatro chegado de Arxentina. Os bonecos utilizados son monicreques de 1,20 metros de altura articulados.

O xoves 11 de agosto ás 20 horas terá lugar a actuación "Pez de Oro" a cargo dos cataláns Binixiflat que farán un espectáculo de monicreques de mediano formato. Por último, o venres 12 de agosto haberá un espectáculo de "muppets" co título "El niño que quería ser Harry Potter" a cargo de Marimba Marionetas, vindos de Madrid.