Escoitar

Excursións guiadas visitarán o santuario de Donón no verán

Aqueles que estean interesados en coñecer o santuario do deus Berobreo, situado no monte do Facho, en Donón (O Hío, Cangas), poden facelo a través das visitas ao xacemento organizadas de maneira paralela á exposición sobre este mesmo tema no Museo Municipal "Quiñones de León".

martes, 12 xul 2005
1121171853fachovista.jpg
Vista ao mar desde o facho
Así, a partir do 16 de xullo e ata o 24 de setembro, cada dous sábados, un autobús levará os visitantes desde o porto de Cangas ata Donón. A saída destas visitas será ás 10:30, e a chegada, ás 14:30. O prezo xeral da visita é de 3 euros. Os que visiten a exposición do Museo de Castrelos terán que pagar só 2 euros.

Esta iniciativa diríxese ao público xeral, pero é de especial interese para os amantes da arqueoloxía e estudantes universitarios relacionados con esta área de coñecemento. O obxectivo que se pretende conseguir é o de divulgar os resultados da investigación realizada no monte do Facho, complementando así a exposición no "Quiñones de León".

Esta exposición comezou o pasado 7 de xullo e ofrece unha visión inédita da colección das aras do Museo e a súa traxectoria desde o santuario ao museo. No Facho de Donón existiu en épocas romanas (século III d.C.) un importante santuario que constitúe un exemplo único no mundo. A primeira proba da súa existencia son as aras conservadas no Museo Municipal de Vigo.

Unha ara é o nome latino do altar, onde habitualmente se realiza o sacrificio simbólico ou libación que é a acción de verter un líquido (viño, aceite ou leite) en ofrenda a unha divindade. As ofrendas realízanse nun pequeno oco (focus). As aras poden ser en si mesmas unha ofrenda.

A exposición permanecerá aberta ata o 1 de outubro, e os participantes nas visitas ao Facho poderán contemplala tamén os sábados impares entre as 17:00 e as 20:00. Esta visita é totalmente gratuíta: basta con presentarse na propia sala e solicitarlla ao monitor.

As persoas interesadas en realizar visitas ao Facho de Donón deben cubrir a ficha de inscrición que está á súa disposición na páxina web www.museodevigo.org, do Museo Municipal "Quiñones de León", ou ben no propio museo (Parque de Castrelos s/n), ou na Oficina de Turismo que situada no porto de Cangas.

Esta ficha deberá ser entregada cuberta, cun máximo de tres días de antelación, nos mesmos lugares de recollida, vía fax (986 239 372) ou no enderezo electrónico do museo, museocastrelos@vigo.org. Ademais, debe adquirirse, nos mesmos lugares, o billete que deberá presentarse no propio autobús no momento da saída.
1121171853fachovista.jpg
1121171969facho1.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información