Escoitar
O concelleiro explicoulles as actuacións que se están a executar e puxo maio de prazo para o seu remate

José Manuel Figueroa visitou a EDAR Lagares xunto aos veciños afectados

O concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, José Manuel Figueroa, xunto con técnicos do Concello e da empresa Aqualia e unha representación dos veciños afectados visitaron o venres ás oito da mañá as obras da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Lagares.

venres, 18 mar 2005
O concelleiro explicoulles aos veciños que as obras de desodorización, nave de transferencia e pozo de lamas dixeridas na Estación de Lagares e financiadas na súa totalidade pola Xunta a través do organismo autónomo Augas de Galicia, rematarán finalmente en maio segundo o previsto.

O concelleiro referiuse tamén aos problemas de cheiros que se produciron estes días na depuradora. Neste sentido, asegurou que confía en que das obras nas instalacións, os problemas queden resoltos definitivamente.

As obras na depuradora do Lagares comezaron en agosto de 2004 e contan cun investimento de 2.199.228 euros. O concelleiro aproveitou para comentar aos veciños o novo plan de saneamento da cidade para os próximos anos que se presentou onte no Concello coa presenza do conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández.

Segundo este estudo, levado a cabo por Augas de Galicia, as actuacións necesarias no municipio consistirán na execución dunha nova depuradora, 4,5 quilómetros de túneles e dous tanques de tormentas. O orzamento destas actuacións é de 190 millóns de euros, é dicir, o maior investimento en saneamento desenvolvido na historia do concello de Vigo.

Nova depuradora

A Administración Hidráulica de Galicia construirá unha nova depuradora no Concello de Vigo, que estará totalmente integrada no contorno para que non supoña ningún impacto ambiental sobre o medio. Ocupará unha superficie de 6 hectáreas de terreo industrial xunto ao mar, na zona de recheo da Autoridade Portuaria, en Bouzas, e disporá dun emisario submarino.