Escoitar

A Xunta promove unha nova depuradora que será o maior investimento en saneamento na historia de Vigo

Segundo un estudo realizado por Augas de Galicia para analizar as necesidades de saneamento de Vigo a longo prazo, deberanse executar unha nova depuradora en Bouzas, 4,5 quilómetros de túneles e dous tanques de tormentas. Todas estas actuacións requiren un investimento de 190 millóns de euros.

xoves, 17 mar 2005
1111067950depuradora.JPG
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e o vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, presentaron hoxe xoves no Concello o estudo realizado por Augas de Galicia para analizar as necesidades de saneamento do municipio a longo prazo. Segundo este estudo, as actuacións necesarias no municipio consistirán na execución dunha nova depuradora, 4,5 quilómetros de túneles e dous tanques de tormentas. O orzamento destas actuacións é de 190 millóns de euros, é dicir, o maior investimento en saneamento desenvolvido na historia do concello de Vigo.

No acto de presentación, Corina Porro agradeceu o "compromiso do Goberno galego con Vigo" e afirmou que unha cidade como a nosa "non pode continuar con servizos incompletos e deficientes" no que respecta ao abastecemento e saneamento. Pola súa banda, Xosé Manuel Barreiro insistiu na súa demanda de que o Estado declare esta obra de interese xeral e manifestou a súa esperanza de que o Goberno se comprometa a cofinanciar a nova depuradora.

O estudo de Augas de Galicia conclúe que, na actualidade, a capacidade de transporte dos actuais colectores con tempo seco é suficiente, pero non así a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) do río Lagares, que está no seu límite, xa que a poboación á que presta servizo excede a súa capacidade e é imposible dispoñer de terreos para a súa ampliación. O plano de actuacións previsto pola Xunta de Galicia aumentará a capacidade de depuración para servir á poboación prevista para o ano 2033, que é de 500.000 habitantes.

O actual sistema de colectores seguirase empregando en tempo seco, xa que ten capacidade suficiente. Por outra banda, durante as chuvias, interceptaranse as augas que exceden a capacidade do actual colector da marxe da ría para levalas ata un gran tanque de tormentas que permitirá a súa depuración, evitando tamén así os asolagamentos periódicos. Paliaranse así mesmo as enchentes da zona de Balaídos, xunto ao río Lagares.

Nova depuradora

A Administración Hidráulica de Galicia construirá unha nova depuradora no Concello de Vigo, que estará totalmente integrada no contorno para que non supoña ningún impacto ambiental sobre o medio. Ocupará unha superficie de 6 hectáreas de terreo industrial xunto ao mar, na zona de recheo da Autoridade Portuaria, en Bouzas, e disporá dun emisario submarino.

A súa capacidade de depuración duplicará a do Lagares, podendo prestar servizo no futuro a 300.000 habitantes e a todas as industrias situadas entre Guixar e Bouzas. Esta capacidade de tratamento permitirá que a nova depuradora e as instalacións xa existentes poidan dar servizo ata a 500.000 persoas.

A nova depuradora deixará a actual EDAR do Lagares exclusivamente para ese río, posibilitando así o seu axeitado funcionamento. Augas de Galicia está executando na actualidade as obras de desodorización, nave de transferencia e pozo de lamas dixeridas na depuradora de Lagares, cun investimento de 2.199.228 euros.

Túneles e tanques

As actuacións deseñadas por Medio Ambiente inclúen a construción de dous túneles desde a Praza de Isaac Peral e dende Bouzas ata a Praza da Industria. Estes túneles permitirán interceptar ata un período de 10 anos os caudais excedentes dos principais colectores durante as tormentas. Executaranse ademais dous tanques de tormentas: un na Praza da Industria e outro na zona de Balaídos.

Na Praza da Industria construirase un tanque de tormentas de 20.000 metros cúbicos no que se van regular as augas residuais durante as choivas. Situarase nesta instalación un desbaste e unha estación de bombeo, das que partirán unha condución ata a nova EDAR, á que tamén se sumará o actual colector de Marxe da Ría. Incorporarase ademais unha condución de desaugue con saída á zona portuaria. O outro tanque de tormentas estará na zona de Balaídos para resolver os actuais problemas de enchentes. Este tanque será de 10.000 metros cúbicos e situarase na marxe dereita do río Lagares.
Descargar todas as imaxes