Escoitar

O Festival Alternativo de Teatro e Danza celebrarase do 25 de febreiro ao 12 de marzo

O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, presentou o IV Festival Alternativo de Teatro e Danza "Vigo, a outra alternativa". O Festival, tamén coñecido como "Alt", celebrarase do 25 de febreiro ao 12 de marzo en diversos escenarios e recibe unha axuda de 35.000 euros por parte do Concello.

xoves, 10 feb 2005
1108043486actora.jpg
O IV Festival Alternativo de Teatro e Danza "Vigo, a outra alternativa" ou "Alt" traerá as novas linguaxes escénicas ao noso concello do 25 de febreiro ao 12 de marzo. Así o anunciou hoxe xoves o concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por Lola Correa, directora do festival, Amador Rincón, director do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), e a recoñecida bailarina Sol Picó.

Este ano, a compañía Noescafé Teatro, organizadora do Alt, apostará, como na pasada edición, polo Festival intensivo, programando actuacións case a diario. O Festival botará a andar o 25 de febreiro coa estrea en España de Pollicino (Pulgarciño), da compañía italiana Lenz Rifrazioni. Esta obra, unha forma distinta de ver o conto dos irmáns Grimm, representarase ás 21:00 na Lonxa do Concello.

Os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo Eva Recacha levará o teatro ás rúas de Vigo. O Auditorio Municipal, do 2 ao 5 de marzo, será o escenario para as representacións das compañías Amaranto, Ferroviaria e Semolina Tomic. O Festival chegará tamén ao Marco, do 8 ao 12 de marzo, co programa especial "Soas en escena", no que actrices como Luma Gómez e Lola Correa actuarán co gallo do Día da Muller Traballadora.

Precisamente Lola Correa desexou hoxe xoves que esta cita "se convirta en referente e non só o Festival senón tamén Vigo, como cidade culturalmente moderna tan aberta ao mar como ao teatro". Pola súa parte, a bailarina Sol Picó, que quixo estar presente na presentación para mostrar o seu apoio, asegurou que "temos unha canteira de artistas impresionante e hai que apoialos".
Descargar todas as imaxes

Máis información