Escoitar

Asuntos Sociais do Concello subvenciona un dispositivo de integración de persoas desfavorecidas

Polo convenio asinado hoxe o Concello achega 15.000 euros e a Consellería de Asuntos Sociais 145.000 para o desenvolvemento de accións en Vigo ao longo de 2005.

venres, 21 xan 2005
A alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e a conselleira de Asuntos Sociais, Belén Prado, asinaron hoxe un convenio para a implantación dun dispositivo global de integración de persoas desfavorecidas. Polo presente acordo, o Concello comprométese a achegar 15.000 euros e a Consellería 145.000, co fin de desenvolveren accións en Vigo ao longo de 2005.

A iniciativa enmárcase no I Plan Galego de Inclusión Social de Galicia, que ten o propósito de servir de marco de referencia e coordinación das distintas actuacións que se veñen realizando contra a exclusión social en todos os ámbitos institucionais e sociais de Galicia.

Así, os dous grandes obxectivos do citado plan son, por unha banda, promover a integración e a autonomía das persoas que viven en situación de pobreza; e, pola outra, previr a exclusión, promovendo a mellora das condicións de vida das persoas desfavorecidas, a información, o acceso aos recursos e a participación social, o asociacionismo e o voluntariado.

A colaboración entre o Concello e a Consellería de Asuntos Sociais para posibilitar a integración de persoas desfavorecidas permitiu a posta en marcha dun equipo multidisciplinar que vén traballando en Vigo desde 2001 nas áreas de prevención, asistencia e integración social.

O equipo, formado por 11 profesionais, leva a cabo as seguintes tarefas: detección e acollida de beneficiarios, información e orientación, avaliación de capacidades individuais para a formación e o emprego, deseño de proxectos individualizados de inserción sociolaboral, e seguimento e valoración das intervencións.

Grazas ao Plan de Inclusión, 386 persoas encontraron un lugar no mercado laboral durante o período 2001-2004. Nese tempo incorporáronse ao plan 1.080 persoas e visitáronse 333 empresas.