Escoitar

O "tique bus" regala unha viaxe gratis pola compra nun establecemento do centro de Vigo

Esta medida, pioneira en España, potenciará o comercio local ao tempo que desconxestiona o tráfico privado no centro urbano. Concello de Vigo, Cámara de Comercio, Caixanova e Vitrasa colaboran no proxecto.

venres, 21 xan 2005
1106315730tique.jpg
O Concello de Vigo, a Cámara de Comercio, Caixanova e Vitrasa, presentaron hoxe o "tique bus comercio", unha iniciativa pioneira no noso país que ten como obxectivo facilitar as compras dos cidadáns e fomentar o uso do transporte público na cidade. Esta medida, que tivo gran acollida no sector, busca favorecer a mobilidade e o acceso do público en xeral a grandes áreas comerciais, centros comerciais abertos e comerciantes polo miúdo.

O billete, que será entregado nos establecementos que teñan o distintivo, poderán solicitalo a partir de hoxe, todos aqueles que fagan unha compra cun custe superior o estipulado no comercio. Con este billete, que non ten data de caducidade, o cidadán poderá viaxar gratis no autobús en calquera dos servizos. O mesmo día do comezo da campaña son xa case 300 os establecementos comerciais adheridos a esta iniciativa e no desenrolo da mesma espérase o interese de máis comercios.

O acordo subscrito entre o Concello de Vigo, as entidades cofinanciadoras do billete -Cámara de Comercio e Caixonova - e a empresa concesionaria Vitrasa permite poñer en marcha un servizo dirixido a tódolos cidadáns. "Nun principio Vitrasa expedirá 20.000 tiques nesta campaña e dependendo da súa aceptación polos vigueses, poderase chegar a outros 20.000", dixo o seu director xeral, Juan Carlos Vilariño, quen engadiu que esta medida permitirá crear unha cidade "máis activa, humana, viva e dinámica".

Pola súa parte o concelleiro de Mobilidade e Seguridade, Antonio Coello, resaltou que a medida conseguirá reducir o número de vehículos particulares en superficie ao tempo que se potencia o comercio local, e destacou que se trata dunha iniciativa sen precedentes en España.
Descargar todas as imaxes