Escoitar

Os alcaldes de Vigo, Ourense, Pontevedra e Ferrol reclaman a alta velocidade para finais desta década

Os alcaldes de Vigo, Ourense, Pontevedra e Ferrol fixeron pública esta mañá en Vigo unha declaración conxunta na que demandaron para finais desta década conexións rápidas entre Galicia, Portugal e a Meseta e entre as distintas cidades galegas. Os rexedores manifestaron a súa preocupación pola "indefinición" das características e prazos de execución da rede de alta velocidade galega.

xoves, 20 xan 2005
1106232072ave.jpg
Os alcaldes de Vigo, Ourense, Pontevedra e Ferrol, reunidos esta mañá no Pazo-museo Quiñones de León, manifestaron a súa preocupación pola "indefinición" das características e prazos de execución da rede de alta velocidade que conectarán Galicia con Portugal, a Meseta e o resto de Europa.

Esta preocupación esténdese tamén ás infraestucturas ferroviarias do Eixo Atlántico, que xunto ás conexións exteriores son consideradas "imprescindibles" polos catro rexedores para o desenvolvemento económico e o benestar social dos cidadáns aos que representan.

Nunha declaración conxunta, Corina Porro, Manuel Cabezas, Miguelanxo Fernández Lores e Félix Juncal estimaron que a alta velociadade en Galicia será competitiva se os tempos parciais das conexións non superan as tres horas. Así, para Vigo calculan un tempo de conexión máximo con Madrid de dúas horas e 35 minutos. Para Pontevedra, un tempo de dúas horas e 25 minutos. O traxecto entre Ourense e Madrid debería durar dúas horas e sete minutos, e de Ferrol debería levar un máximo de dúas horas e 29 minutos.

No caso do Eixo Atlántico, os alcaldes demandan tempos de conexión non superiores a 10 minutos entre Vigo e Pontevedra, 19 minutos entre Pontevedra e Santiago, 21 minutos de Ourense a Santiago e 27 minutos de Ferrol á Coruña. O percorrido entre Pontevedra, Vigo e Ourense por Cerdedo, din os alcaldes, non poderá exceder de 21 minutos.

Os catro rexedores entenden que a operatividade do proxecto debe ser garantida nos tempos previstos nos acordos do Parlamento de Galicia e do Congreso dos Deputados. Neste sentido, reclaman que o proxecto sexa plenamente operativo a finais desta década. Ademais, a rede ferroviaria galega, segundo os alcaldes, deberá constar de dobre vía electrificada.

Corina Porro, Manuel Cabezas, Miguelanxo Fernández Lores e Félix Juncal avogaron por un consenso xeral das forzas políticas e sociais galegas para chegar a un acordo que fixe as prioridades de Galicia en materia de infraestruturas de mobilidade, e realizaron un chamamento ao conxunto dos alcaldes para que contribúan a un acordo conxunto.
Descargar todas as imaxes