Escoitar

O Concello conmemora o centenario da agregación de Bouzas cunha exposición no Pazo de Castrelos

O Pazo de Castrelos acollerá a partir de mañá día 17 de decembro a exposición conmemorativa "Bouzas-Vigo. Cen anos de Unión. 1904-2004". A mostra contará con varias seccións dedicadas á xeografía, historia, oficios tradicionais e signos de identidade de Bouzas.

xoves, 16 dec 2004
1103205569pazo.jpg
O Pazo de Castrelos acollerá a partir de mañá día 17 de decembro e ata o 27 de marzo de 2005 a exposición "Bouzas-Vigo. Cen anos de Unión. 1904-2004", dentro do programa de exposicións da Concellería de Cultura. Esta mostra inscríbese nos actos de conmemoración do centenario da agregación do concello de Bouzas ao de Vigo, e conta con diversas seccións nas que se recollen aspectos relacionados coa xeografía e a historia deste barrio, así como os seus signos de identidade e oficios tradicionais.

O espazo principal da exposición estará ocupado pola sección "Bouzas no tempo", que se ocupa da historia de Bouzas como vila independente. A sección abrangue un período que vai da prehistoria ao ano 1904 e comprende feitos como a acta fundacional da vila, a idade de ouro dos séculos XVI e XVII, testemuñada pola igrexa de San Miguel, o devalar do XVIII e a recuperación do XIX, coa guerra contra os franceses e a implantación das industrias do mar. O apartado histórico complétase cunha sección dedicada aos cen anos de unión con Vigo, nos que tivo lugar o desenvolvemento urbanístico e económico da antiga vila.

Por outra parte, a sección "Bouzas no espazo" permitirá achegarse á evolución física da vila e á súa privilexiada posición xeográfica dentro da ría. A exposición recolle, ademais, os principais signos de identidade de Bouzas, como os fogos e festas do Cristo, os faluchos e o Rápido. Así mesmo, presentaranse noutra sección os oficios tradicionais do mar, tan propios de Bouzas, como son as artes de pesca, a carpintería de ribeira e a conserva.

A exposición complementarase co documental "O que eu vivín en Bouzas", que se estreará en febreiro, e a intervención artística "Campo de redes", a cargo de escolares do colexio público O Rocío. Ademais, haberá visitas guiadas con cita previa ao museo de martes a venres, e ao casco vello de Bouzas os domingos pola mañá. As reservas anticipadas poden facerse no teléfono 986 20 49 12.
1103205569pazo.jpg
1103206062pazo2.jpeg
1103206112pazo2.jpeg
Descargar todas as imaxes