Escoitar

Celébrase o próximo sábado a segunda xornada de demostracións de artesáns tradicionais

O carpinteiro Javier González Lage e a artesá textil Esperanza Díaz Beltrán amosarán as técnicas para a elaboración dos antigos baldes de auga e a roupa en liño e lá.

mércores, 15 dec 2004
1103119866artesania.jpg
O CAT (Centro de Artesanía Tradicional) vai continuar este sábado 18 de decembro coas xornadas de demostracións de artesáns tradicionais en directo organizadas polo Departamento de Patrimonio Histórico do Concello de Vigo e dirixidas ao público en xeral que queira coñecer de cerca o traballo dos oficios tradicionais de Galicia.

Os artesáns protagonistas nestas xornada son por unha banda o carpinteiro Javier Fernández Lage quen nos deleitará coa demostración da realización dunha das pezas máis representativas de Galicia como é a denominada sella ou balde que era un recipiente empregado polos nosos avós para ir a buscar auga á fonte e pou noutro espacio do CAT estará tamén a artesá Esperanza Díaz Beltrán explicándonos todo o proceso empregado na elaboración da roupa antes da chegada das novas tecnoloxías e na que se botaba man de materias primas tan fundamentais como o liño e a lá.

Tanto o selleiro como a tecedeira amosarán ferramentas, técnicas e materias primas empregados na elaboración dos obxectos e será unha oportunidade única para que a xente que participe poda intercambiar as experiencias e saberes vividos por estes artesáns. Logo da visita ao CAT onde ademais poderán coñecer as súas instalacións o público poderá dirixirse á Casa do Cesteiro situado na rúa Real nº 10 para coñecer de primeira man todos os pormenores deste oficio.

Con estas xornadas preténdese sensibilizar ao público da necesidade de protexer e fomentar unha artesanía tradicional que forma parte da nosa identidade cultural. O CAT está situado na Rúa Subida ao Castelo nº 10 e a xente que queira participar pode facelo gratuitamente; haberá unha persoa que levará unha identificación na Praza do Rei (xunto ao Concello) para guialos ao CAT e outra na Praza da Princesa para os que queiran acceder á Casa do Cesteiro. O horario de asistencia é de 11:30 ás 14:00 facendo grupos cada media hora.
Descargar todas as imaxes