Escoitar

O Verbum leva 730 visitas guiadas de escolares e agrupacións de persoas maiores dende o comezo do curso

As visitas guiadas ao Verbum, organizadas dende distintos departamentos do Concello de Vigo, levaron xa a 276 escolares e 454 maiores dende o mes de outubro. Estas actividades proseguirán tralo parón do nadal.

martes, 14 dec 2004
O Verbum ou Casa das Palabras recibiu, dende o mes de outubro, un total de 730 visitas guiadas, das cales 276 corresponden ao programa dirixido aos escolares "Vigo por dentro", e 454 forman parte das visitas organizadas por diversos grupos e asociacións de maiores.

No caso das visitas de escolares, o programa "Vigo por dentro" continuará funcionando ata o mes de xuño. Trátase dunha iniciativa da concellería de Educación que consiste na organización de visitas escolares guiadas a uns corenta lugares representativos da cidade, tales como o Concello e diferentes museos, empresas ou parques. Ao longo do ano levan feitas máis de oitocentas visitas con máis de 150 centros implicados.

No caso específico das visitas ao Verbum, o programa "Vigo por dentro" empezou a funcionar en outubro, co comezo do novo ano escolar. As visitas realízanse os martes e venres, previa petición do colexio, en horarios de 11,30 a 13 horas. Os alumnos que participan nesta actividade cursan dende terceiro ata sexto de primaria e a visita está guiada por alumnos da universidade de Vigo que están a facer un Máster en Lingüística relacionado coa comunicación verbal e non verbal. Os educadores preparan diverso material lúdico e didáctico relacionado coa linguaxe para que as visitas destes escolares de idades entre 8 e 12 anos sexan o máis proveitosas posibles.

No caso das visitas de grupos de persoas da terceira idade, a iniciativa parte do departamento de Benestar Social. Organizan visitas guiadas á Casa das Palabras, e tamén a Castrelos e á Universidade de Vigo. Traballan con tódalas agrupacións locais que forman parte do Consello Municipal de Persoas Maiores e o Concello facilita o transporte con capacidade para 50 persoas. As visitas van acompañadas dun almorzo ou merenda, dependendo da hora das visitas. Tralo parón do Nadal retomarase a actividade en xaneiro.