Escoitar

A Xunta comprométese a achegar 47 millóns de euros para o acondicionamento e a posta en marcha de distintas infraestructuras en Vigo

En concreto, procederase ao acondicionamento do edificio Cambón e á realización de obras de urbanización e infraestruturas viarias, ademais de actuacións en materia de vivenda

luns, 8 nov 2004
1099925501entrada.jpg
O presidente da Xunta, Manuel Fraga, e a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, asinaron este mediodía un protocolo marco entre ambas as dúas administracións para a realización das obras de acondicionamento do edificio Cambón, de actuacións en materia de vivenda, a urbanización de distintas rúas da cidade e a posta en marcha de diversas infraestruturas viarias. Tal e como se establece no acordo, o Goberno galego comprométese a achegar máis de 47 millóns de euros para a posta en marcha destas iniciativas.

Na súa intervención, o máximo mandatario galego asegurou que se trata dun acordo "de grande importancia e transcendencia para o desenvolvemento da cidade", e resaltou que máis da metade do investimento do Goberno galego –27 millóns- se vai destinar a actuacións en materia de vivenda e outros 19 millóns á posta en marcha de distintas infraestruturas viarias.

ACTUACIÓNS CONCRETAS

Concretamente, o protocolo marco prevé unha achega de 360.000 euros por parte da Xunta para levar a cabo as obras de demolición parcial e remodelación do edificio Cambón, onde está previsto habilitar un espazo para recepcións, reunións e exposicións.

A reconstrución da Pérgola de Jenaro de la Fuente, en Bouzas; a urbanización da rúa González Sierra; e o axardinamento do último tramo da Gran Vía na súa confluencia coas Travesas son outras das iniciativas que se van a levar a cabo. Estas actuacións contarán cun investimento por parte do Goberno galego de 250.168, 388.189 e 90.000 euros, respectivamente.

De igual xeito, o protocolo marco asinado hoxe contempla a realización doutras infraestruturas viarias no contorno vigués nas que a Xunta ten previsto investir 19 millóns de euros; a construción de 394 vivendas públicas en San Paio de Navia –cun investimento de 22 millóns de euros-; e a reparación dun grupo de vivendas públicas de Rivera Atienza e da Avenida Galicia-Teis, cun financiamento que ascende aos 5’1 millóns de euros.

SOLO INDUSTRIAL

Na súa intervención, o presidente da Xunta lembrou que Vigo ten un "gran presente", xa que conta cunha clase empresarial "moi activa e imaxinativa" e nela radican "gran parte das empresas máis importantes do país", pero tamén un "prometedor futuro". A este respecto, Manuel Fraga referiuse ao papel "capital" que está chamada a desempeñar a cidade olívica dentro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en tanto que o seu porto é "clave" no tráfico internacional entre o norte e o sur de Europa, e porque vai acoller a primeira conexión por AVE entre España e Portugal.

"Vigo xógase moito e non pode perder a súa posición de privilexio", sinalou o titular da Xunta, quen tamén quixo referirse aos investimentos que ten previsto realizar o Goberno que preside nesta área para seguir contribuíndo ao seu progreso.

Así lembrou que o Executivo galego está a traballar "intensamente" na construción da plataforma loxística Salvaterra-As Neves, que suporá un investimento superior aos 120 millóns de euros e prevé a construción de máis de catro millóns de metros cadrados de superficie. Unha infraestrutura que cualificou de "fundamental para o desenvolvemento industrial e empresarial da comarca".

Nesta liña, Manuel Fraga tamén lembrou que xa están en marcha outros parques empresariais como os de A Guarda-O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas e Mos, cun total de 1.600.000 metros cadrados de superficie industrial. "Dos trinta millóns de metros cadrados de solo industrial que estamos a crear en Galicia entre o 2003 e o 2006 –remarcou-, 6 millóns estanse a crear en Vigo e na súa zona de influencia, e 10 millóns na provincia de Pontevedra".

INFRAESTRUTURAS

Tamén o Goberno galego está a actuar en materia de infraestruturas ferroviarias na cidade olívica. "Desde a Xunta achegamos solucións ao momento ferroviario que está a vivir a cidade", indicou Fraga, sinalando que "nós pensamos que Urzáiz debe ser una estación pasante", co fin de garantir a continuidade do Eixo Atlántico, evitar manobras de retroceso e incrementar a calidade nos servizos ferroviarios rexionais e de proximidades.

Así mesmo, o titular da Xunta apostou por conectar o transporte ferroviario e marítimo, considerando importante que a medio prazo se prevexa a conexión ferroviaria do porto de Bouzas e a Zona Franca á rede de mercadorías.

Fraga sinalou ademais que, no Plan Estratéxico de Portos 2004-2007 –que prevé investimentos de 150 millóns de euros- "Vigo está chamado a xogar un papel protagonista". Nesta liña, lembrou que a Xunta solicitou, a través desta iniciativa, a transferencia das Autoridades Portuarias á Comunidade Autónoma co fin de crear un sistema portuario galego que estableza as bases de desenvolvemento dos novos peiraos de forma integrada e coherente.

VIVENDA E CULTURA

Finalmente, Manuel Fraga subliñou que o Goberno autonómico se está volcando na rehabilitación do casco histórico de Vigo mediante a sinatura de convenios de colaboración entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello. Deste xeito procedeuse xa á rehabilitación de 306 vivendas -que contaron cun investimento de 6’6 millóns de euros- e, gracias a un convenio asinado a principios deste ano, vanse rehabilitar outras 60 en Bouzas, que contarán cun investimento de 1’2 millóns de euros.

De igual xeito, tamén existe un compromiso do Goberno galego para a posta en marcha dun auditorio na cidade olívica, que contará cun orzamento de 95,5 millóns de euros e vai dispor dunha superficie aproximada de 90.000 metros cadrados.

O presidente da Xunta non quixo rematar a súa intervención sen agradecerlle á alcaldesa da localidade a súa colaboración e o seu recibimento, lembrándolle que na Xunta sempre terá "un aliado fiel e incondicional" para a cidade.
1099925501entrada.jpg
1099925518alcaldia.jpg
Descargar todas as imaxes