Escoitar

MARCO proxecta dúas curtametraxes galegas nas noites do xoves e o venres

"The Crumb Box", dirixida por Vítor García e Michelle McGauchie, emitirase o xoves ás 8 horas. "Minotauromaquia. Pablo no labirinto", de Juan Pablo Etcheverry, terá lugar o venres a partir das 8 horas.

mércores, 20 out 2004
O Museo de Arte Contemporáneo, MARCO, presenta dúas curtametraxes galegas na tarde noite do xoves e do venres, "The Crumb Box" e "Minotauromaquia. Pablo no labirinto". Ambas proxeccións terán lugar no salón de actos do MARCO a partir das oito da noite e a entrade será de balde ata completar o aforo.

"The Crumb Box" ou "A caixa de migas" é unha curtametraxe de ficción rodada a través de imaxes e sen facer uso dos diálogos. A superposición de anacos psicolóxicos danlle un aspecto onírico a este filme de 25´ no que diferentes observadores miran intimamente ao inconsciente e ás pantasmas dunha muller. Os medos da protagonista revelan as conexións entre o que está agochado ou reprimido nas nosas propias mentes e na nosa cultura. "The Crumb Box" está dirixida por Vítor García e Michelle McGauchie e foi seleccionada para o Foro Emergencias da Obra Social de Caja Madrid. O papel protagonista corre a cargo de Diana Luzarraga Guerrero.

"Minotauromaquia. Pablo no labirinto" é unha obra de animación con plastilina dirixida e animada por Juan Pablo Etcheverry. Cunha duración de 10´, esta curtametraxe inspirada na obra de Picasso e no mito do minotauro e o labirinto, presenta unha viaxe ao centro da creación artística.

O programa do venres é o seguinte:

20,00 h. Presentación da película a cargo do seu director, Juan Pablo Etcheverry, e o productor executivo, Xosé Zapata.

20,15 h. Proxección de curtametraxes anteriores do mesmo director:

1997 "Monos" (Animación experimental) 1´39´´
1998 "Egon Schielle" (Animación de plastilina) 4´
2000 "Dog Interface" (Animación de plastilina e vídeo) 3´
"Los freak visitan al niño" (Christmas commercial for Universal Studios, Calle 13) 60´´
2001 "De tripas y corazón" (Animación de plastilina e técnicas experimentais) 12´

20,45 h. Proxección da curtametraxe de animación "Minotauromaquia. Pablo no labirinto" 2004, animación de plastilina, 10´

21,00 h. Cóctel ofrecido pola productora na cafetería restaurante do MARCO, "Marcelinopanyvino".