Escoitar
Os traballos adiántanse un mes con respecto ao previsto inicialmente, segundo anunciou hoxe a alcaldesa

As obras da superficie de Urzáiz estarán rematadas a principios de novembro

As obras da superficie de Urzáiz estarán rematadas a principios do mes de novembro, segundo anunciou hoxe a alcaldesa de Vigo, Corina Porro, durante unha visita á zona. Deste xeito, os traballos adiántanse un mes con respecto ao previsto inicialmente, xa que o seu remate estaba previsto para o mes de decembro. A alcaldesa, Corina Porro, acompañada do concelleiro José Manuel Iglesias, técnicos municipais, e de representantes da empresa que executa as obras e da concesionaria, visitou hoxe a superficie e o interior do aparcadoiro.

venres, 3 set 2004
O tráfico en Urzáiz unha vez rematen as obras terá dous carrís ascendentes, e un descendente para todo tipo de vehículos ata a rúa Cervantes, e para transporte público ata a rúa República Arxentina. A superficie de Urzáiz terá tres bocas de acceso para vehículos (Colón, Manuel Núñez e Urzáiz) e 3 bocas de saída (rúa Uruguay, rúa Urzáiz e rúa Lepanto). Tamén haberá 6 bocas de acceso para peóns

Ademais da ampliación das beirarrúas que terán, nalgunha zonas, unha anchura máxima de 9 metros, e sempre un mínimo de 3,50, na humanización da superficie incrementarase a iluminación, instalaranse papeleiras, xardiñeiras e arborado. O custo dos traballos da superficie é de 1.670.630 euros.