A alcaldesa destaca o impulso do AVE do Eixo Atlántico como "a mellor proba" do recoñecemento á importancia das relacións con Portugal
A alcaldesa, Corina Porro, destacou hoxe que o impulso ao Ave do Eixo Atlántico é a "mellor proba" do recoñecemento á importancia das relacións económicas e interpersoais de Galicia e de Vigo con Portugal. A rexedora lembrou , no seu discurso con motivo dos actos conmemorativos do Día de Portugal, que o 30 de outubro do ano pasado o Ministro de Cidades de Portugal e a entón Ministra de Administracións Públicas selaban o acordo en Madrid, e que suporá que en 2009 "nos unirán rápidos camiños de ferro". "Hoxe-engadiu a alcaldesa- dende hai longo tempo, tamén nos une o Camiño Portugués, que en ano Xacobeo adquire aínda maior relevancia".
Corina Porro lembrou tamén que en Vigo residen 4.000 homes e mulleres nados no país veciño e plenamente integrados na vida social, económica e pública da cidade que son, "en definitiva, cidadáns de Vigo" e dixo que o centro portugués, que naceu en Vigo hai preto de oitenta anos, "amosa o peso específico da comunidade portuguesa na cidade".