Escoitar

Presentada a candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués

O Verbum acolleu, na mañá do venres, o acto de presentación da proposta de candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego_portugués á obra mestra da Unesco, realizada pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! de ámbito galego-portugués e integrada por centros educativos das dúas marxes do Miño. A Asociación propón aos gobernos español e portugués que presenten diante da UNESCO a candidatura do Patrimonio Inmaterial galego-portugués como candidatura multinacional avalada polos dous Estados para ser recoñecida como Obra Mestra do Patrimonio Inmaterial.

venres, 23 abr 2004
1082726642verbum.jpg
O Patrimonio Inmaterial é definido pola UNESCO como algo VIVO nas comunidades portadoras, reflectindo os valores e formas culturais dun pobo, en contraste co Patrimonio Material, reflexo de culturas moitas veces desaparecidas xa.

A UNESCO contempla, ademais de que cada estado presente cada dous anos unha candidatura nacional, a posibilidade de presentar candidaturas multinacionais naqueles casos en que exista un patrimonio vivo e diverso que se estenda por riba das fronteiras. Nestes casos a iniciativa debe partir da base social e procurar espertar a sensibilidade das institucións e gobernos. A presentación dunha candidatura multinacional non impide que cada estado presente unha proposta propia. Neste senso, na recente 2ª proclamación está o exemplo de Estonia, quen ademais de obter a proclamación nacional da Illa de Kihnu, promovida por unha escola, obtivo outra proclamación multinacional coas danzas do Báltico.

En canto aos criterios de selección a UNESCO establece que deberá ser un patrimonio enraizado nunha tradición, en perigo de desaparición, excelente e cunha unidade cultural espallada polos diferentes estados.

A Cultura Común Galego-Portuguesa presenta unhas características antropolóxicas, e históricas que se reflicten nunha preservación obstinada a ambos lados da fronteira máis antiga de Europa e unha riqueza e variedade etnográficas, manifestada nunha serie de elementos representativos: oralidade enraizada na época medieval, regueifas e cantos ao desafío, festividades do Ciclo Agrario, cultura marítima tradicional, instrumentos e formas musicais (cancioneiros medievais, Pórtico da Gloria), formas de solidariedade colectiva (monte comunal, comunidades piscatorias) .

A Candidatura de Patrimonio Inmaterial Galego-Português concreta esta cultura común no Concepto de Ciclo Agrario e da Natureza. A razón de fondo está na base agrícola-mariñeira da sociedade tradicional. Abarca as manifestacións mitolóxicas, festivas, artesanais, orais e musicais asociadas aos ciclos naturais.

A candidatura galego-portuguesa está promovida por escolas galegas e portuguesas e tamén por escolas asociadas á rede da UNESCO. Desde a Asociación Ponte...nas Ondas! vense traballando desde hai dous anos na redacción e nos contactos entre as institucións para a presentación desta candidatura ás proclamacións do 2005.
Descargar todas as imaxes