Escoitar

Toralla viaxa 2.000 anos atrás con dous obradoiros sobre o mundo romano

O Concello de Vigo organiza dúas semanas de obradoiros gratuítos no Centro de Interpretación do Mundo Romano e na Vila Romana de Toralla, dirixidos a nenas e nenos de entre 7 e 12 anos. As actividades desenvolveranse do 25 ao 28 de agosto e do 1 ao 4 de setembro, en horario de 10:30 a 13:30 horas, combinando aprendizaxe, experimentación e xogos para achegar o patrimonio arqueolóxico vigués aos máis novos.

mércores, 19 ago 2026

“Queremos coñecer máis a cultura do mundo romano e a presenza dos romanos en Vigo, singularmente na Vila Romana de Toralla”, explicou Abel Caballero. O complexo acolle a única vila romana visitable de Galicia e está considerado un dos xacementos deste tipo máis significativos da fachada atlántica peninsular.

O primeiro obradoiro, «Orixe Vicus, destino Roma», celebrarase do 25 ao 28 de agosto e estará dedicado ao comercio no mundo romano e á importancia de Vigo dentro das rutas do Imperio. A través de xogos, visitas e actividades prácticas, os participantes coñecerán como se transportaban as mercadorías por terra e por mar, que produtos circulaban naquela época e como chegaban ata Vicus procedentes de diferentes territorios.

A programación permitirá tamén experimentar coa elaboración de cerámica, descubrir o uso das ánforas para almacenar e transportar produtos, coñecer a importancia da sal na economía romana mediante un experimento de cristalización e achegarse á evolución dos intercambios, desde o troco ata a moeda.

A segunda proposta, «Vivir como romanos», desenvolverase do 1 ao 4 de setembro e permitirá descubrir como era a vida cotiá en Vigo hai 2.000 anos. Os obradoiros abordarán aspectos como a vestimenta, os xogos, a escritura e a decoración das vivendas, con actividades nas que os participantes poderán elaborar complementos, practicar xogos da Antigüidade, experimentar coa escritura antiga e crear o seu propio mosaico inspirado nos modelos romanos. “Trátase de coñecer ben como era a vida dos romanos hai 2.000 anos aquí en Vigo, aquí en Toralla”, destacou o alcalde.

As actividades son completamente gratuítas e a inscrición realizarase por semanas completas e por rigorosa orde de entrada no correo xacementosarqueoloxicosmunicipais@vigo.org. Cada participante poderá inscribirse nunha das dúas semanas para facilitar o acceso ao maior número posible de nenos e nenas.

Descargar todas as imaxes