Vigo solicita á Xunta 9 millóns por ser a cidade máis poboada de Galicia
O Grupo Municipal Socialista defendeu que o Goberno autonómico achegue esta cantidade en analoxía á asignada en concepto de capitalidade ao Concello de Santiago. O Partido Popular votou en contra e o BNG abstívose. O Pleno tamén aprobou unha moción para a protección e valorización dos montes periurbanos da cidade.
O concelleiro Carlos López Font defendeu que a Xunta debe consignar de xeito inmediato unha cantidade de 9 millóns de euros ao Concello de Vigo en concepto de cidade máis poboada de Galicia. O edil socialista explicou que de “desde hai anos, vía orzamento da Xunta de Galicia, o goberno autonómico asigna unha partida de 3 millóns de euros a Santiago en concepto de capitalidade”. É por iso que desde o Grupo Municipal Socialista instan a facer a mesma transferencia de forma proporcional segundo o número de habitantes á cidade de Vigo.
López Font demandou á Xunta “achegas proporcionais aos territorios en función das súas características e peso na economía e actividade social de Galicia. A capitalidade non debe converterse nun privilexio”.
A moción saíu adiante cos votos do PSdeG. O BNG abstívose e o Partido Popular votou en contra.
Coidado dos montes
Por outra banda, o Pleno tamén aprobou unha moción para a protección e valorización dos montes. Con todo, instouse á cooperación para a mellor atención e proxecto de anel verde para a defensa do monte contra os incendios forestais así como medidas de financiamento e acción para poñer en valor os bosques e parques forestais que bordean a cidade de Vigo. A moción do BNG saíu adiante co voto a favor do Partido Popular.