Escoitar

O alcalde inaugura a humanización dun novo treito da avenida Clara Campoamor

Abel Caballero destaca que a actuación elimina un punto de risco para os peóns e critica que a Xunta non asumise o custe desta obra, que dá acceso ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Coas novas beirarrúas o Concello reforza a seguridade peonil.

venres, 26 xuñ 2026

A obra comprendeu 500 metros de longo na avenida Clara Campoamor, entre as rotondas de Ramiro Pascual e o Hospital Álvaro Cunqueiro. O rexedor achegouse para comprobar o remate dos traballos e dar por inaugurado este novo treito de avenida que supuxo un investimento de 1,25 millóns de euros.

As obras incluíron a renovación integral da calzada e a construción de novas beirarrúas ao longo de medio quilómetro, poñendo fin á situación que obrigaba aos peóns a transitar por un espazo insuficiente e en condicións de risco. Ademais, modernizáronse todas as redes de servizos, coa instalación dunha nova rede de drenaxe, saneamento, abastecemento de auga, iluminación pública e distribución de enerxía eléctrica.

Durante a inauguración, Caballero destacou que a intervención responde a unha decisión do Concello para resolver un problema histórico de seguridade. “Era unha obra necesaria para protexer aos peóns e mellorar este acceso á cidade”, afirmou.

O rexedor lembrou que se trata dunha actuación que, ao seu xuízo, lle correspondía executar á Xunta de Galicia, pero que finalmente foi asumida polo Concello. “É unha obra que debería facer a Xunta e que non a fixo. A decisión de realizala tomouna o Concello de Vigo”, concluíu o alcalde.

Descargar todas as imaxes