Escoitar

A corporación municipal urxe á Xunta solucionar o colapso de Atención Primaria

O Pleno aprobou este luns a moción do grupo socialista que reclama ao Sergas a cobertura “inmediata” e “total” de todas as prazas vacantes neste verán dos profesionais de Atención Primaria. “Vigo necesita unha Atención Primaria forte e non máis improvisacións”, defendeu a edil socialista Elena Espinosa.

luns, 29 xuñ 2026

A Corporación acordou, cos votos a favor dos grupos municipais do PSOE e do BNG, instar á Xunta a solucionar o déficit de persoal sanitario para atender a demanda dos centros de primaria e do punto de atención continuada. 

Reclaman á Xunta que atenda a demanda sanitaria que existe en Vigo planificando a construción de novos centros e a apertura “inmediata do Hospital Nicolás Peña” para reforzar a demanda asistencial, “mantendo operativo este servizo de forma provisional mentres non se finalice a construción e posta en marcha doutros centros de atención primaria” na cidade.

A concelleira socialista Elena Espinosa asegurou este luns que a Xunta incumpre a súa obriga de dar unha atención sanitaria que responda ás necesidades reais da cidadanía, implementando os  recursos impresindibles de persoal para evitar esperas de 15 días para acceder a unha consulta de atención primaria e dun mes para unha analítica. “Atención Primaria non pode funcionar a medio gas”, asegurou a concelleira ao recalcar que a situación de déficit de atención en Vigo quedou en evidencia coa apertura do novo centro Olimpia Valencia porque está saturado a catro meses da súa apertura.

Descargar todas as imaxes