Escoitar

O Marisquiño acollerá por primeira vez a final ibérica da DMC, a competición mundial de referencia para DJs

A cita celebrarase o domingo 9 de agosto dentro da programación do festival e reunirá en Vigo aos mellores DJs de España e Portugal. Os gañadores representarán á península ibérica na final mundial dos DMC World DJ Championships, que terá lugar en novembro en Londres.

martes, 9 xuñ 2026

O alcalde de Vigo anunciou este martes que O Marisquiño será sede por primeira vez da final ibérica da DMC, considerada a competición mundial de referencia para DJs, que terá lugar o domingo 9 de agosto dentro da programación musical do festival de deporte urbano. 

“O Marisquiño vai ser sede por primeira vez da final ibérica da competición mundial de referencia para DJs”, explicou o rexedor, quen destacou que a cita “vai reunir en Vigo aos mellores DJs de España e de Portugal”. A competición desenvolverase en tres categorías: Scratch, centrada na creación sonora a través do movemento dos pratos; Classic, un formato de exhibición de seis minutos no que os participantes constrúen unha rutina ante o xurado e o público; e Open, unha categoría freestyle que permite aos DJs desenvolver propostas máis persoais.

Caballero avanzou que os gañadores da DMC Iberia en cada categoría obterán praza para participar nos DMC World DJ Championships 2026, cuxa final mundial se celebrará o 14 de novembro en Londres. As finais celebraranse no recinto da praia de Samil e incluirán, ademais das competicións das distintas categorías, obradoiros para DJs, demostracións técnicas, showcases de DJs convidados e entrega de premios. As inscricións poderán formalizarse entre o 9 de xuño e o 1 de xullo.

A chegada da final ibérica de DMC a Vigo reforza a dimensión musical do Marisquiño e incorpora á programación unha competición directamente vinculada coa cultura hip hop e co turntablism, disciplina baseada no uso creativo dos pratos como instrumento musical.

“Un xurado de referencia internacional e, por tanto, unha gran exhibición musical deste concurso de DJs”, sinalou Caballero. O xurado de referencia internacional integrado por artistas de primeiro nivel estará integrado por DJ Stereossauro de Portugal; DJ Pimp de España e DJ ND de Bélxica, que tamén participarán nas demostracións e showcases previstos durante a xornada.

Descargar todas as imaxes