O alcalde convoca á cidadanía a gozar da 59 edición do Rally Rías Baixas
Do 2 ao 4 de xullo Vigo converterase no epicentro nacional do motor coa nova edición da proba organizada pola Escudería Rías Baixas coa colaboración do Concello de Vigo. A achega municipal ascende a 50.000 euros, segundo avanzou hoxe Abel Caballero.
O rexedor abordou este martes coa organización do rally máis coñecido e emblemático de Galicia, así como un dos máis importantes de España, as características do evento deportivo que se celebrará na primeira semana do próximo mes de xullo.
A competición, que forma parte do súper campionato de España, contará coa participación de 90 equipos profesionais e terá ao volante aos mellores pilotos do país.
Entre os tramos que destacan atópase o urbano de subida ao Castro. As asistencias e o podium realizaranse en Samil e o aparcadoiro pechado estará en Policarpo Sanz.