O Goberno de Vigo apoia con 92.000 euros ás vítimas de violencia machista
A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación do servizo de intervención de apoio familiar e social para as persoas usuarias das vivendas municipais de protección. Amais, o Goberno local dedica 50.000 euros para a participación das entidades deportivas en fases finais de campionatos.
O alcalde informou este luns da adxudicación da contratación do programa de intervención de apoio familiar e social coas persoas usuarias da rede municipal de vivendas de protección para as vítimas de violencia de xénero, que ten un importe de case 92.000 euros, para un período de dous anos: 2026 e 2027 .
Tal e como explicou, con esta axuda, o Concello proporciona ferramentas ás vítimas da violencia machista para que poidan levar unha vida independente e autónoma. As usuarias da rede municipal de vivendas de protección, que conta con tres pisos de propiedade do Concello, nos que están vivindo nestes momentos 15 persoas, adultas e menores, “reciben apoio de especialistas en educación social”. Cada persoa beneficiaria recibe atención especializada durante un ano, que excepcionalmente pode prorrogarse ata os 15 meses e, amais da atención semanal, o servizo garante atención telefónica as 24 horas do día os 365 días do ano.
Axudas ao deporte
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén as bases e a convocatoria de subvencións a entidades deportivas de Vigo sen ánimo de lucro para a participación e/ou a organización das fases finais de campionatos de España de deporte federado en diferentes categorías de formación. Teñen un importe de 50.000 euros, dos que 30.000 euros serán para financiar os desprazamentos para participar nas fases finais de campionatos fóra da cidade e 20.000 serán para a organización de fases finais de campionatos nacionais en Vigo porque “xogar na casa, axuda moito”, dixo o rexedor.