Escoitar

O alcalde asina co conselleiro de Política Territorial o convenio de colaboración para a redacción do PXOU

venres, 8 xuñ 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, e o conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuiña, asinan o sábado, día 9 de xuño, o convenio que establece a forma de colaboración entre o Concello e a Xunta para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo.

A Xunta cooperará co Concello aportando un financiamento de 100 millóns de pesetas para a redacción do Plan, o 50% do custo previsto. Ademais crearase unha comisión de seguimento, con representantes da ámbalas partes, para resolver calquera dificultade que xurda durante o proceso de elaboración do Plan.

Trala sinatura deste convenio, o alcalde inaugurará na sede da Federación de Asociacións Veciñais, na praza da Princesa, unha exposición sobre o Plan Especial do Casco Vello de Vigo. A mostra denomínase ”A memoria e a vida. O proxecto para un porvir que recomeza” e fai un repaso aos proxectos de rexeneración do barrio histórico que se están a desenvolver e tamén aos contidos do PEPRI do Casco Vello.

A exposición estará aberta ao público durante todo o mes de xuño de luns a venres en horario de 18:00 a 21:30 hs.: os sábados de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:30 hs.: e os domingos de 11:00 a 14:00 hs.