O Servizo de Axuda no Fogar atendeu en marzo a preto de 1.000 dependentes
Caballero destacou este luns a atención prestada polo Concello nos domicilios das persoas con autonomía limitada ou que se atopan en risco social a través do servizo municipal, que facilita os medios técnicos necesarios para mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
O alcalde apuntou que, do total dos dependentes que contan co apoio do Concello, o 60 por cento está considerado como un gran dependente e o outro 34,9 por cento conta cun nivel de dependencia severa. As mulleres de entre 80 e 90 anos de idade son as principais destinatarias da axuda municipal, segundo consta na memoria do pasado mes de marzo.
Abel Caballero destacou os servizos complementarios prestados a 681 persoas, entre os que destacan os de salón de peiteado, podoloxía, atención social e apoio psicolóxico. Amais, o Concello proporcionou 51 guindastres para facilitar a mobilidade, así como 33 camas articuladas, cadeiras de rodas e para o baño e bastons cuadrípodes, entre outros.
Alén do soporte domiciliario, 62 persoas persoas gozaron de actividades de lecer como viaxes no tren de Nadal, a asistencia ao cine, visitas ao Pazo Quiñones de León ou á Fundación Sales.
O rexedor urxe á Xunta a cumprir co acordo alcanzado pola Federación Galega de Municipios e Provincias e aboar 16 euros por hora do Servizo de Axuda no Fogar ao que o Concello de Vigo destina 15,5 millóns de euros ao ano.