Escoitar

O Goberno de Vigo censura que a Xunta queira rebaixar a catalogación medioambiental das Cíes

Abel Caballero remitiu unha carta ao presidente ao Goberno autonómico pedíndolle que rectifique na súa intención de propoñer que as Cíes sexan Reserva da Biosfera, respectando a candidatura das Cíes a Xeoparque Mundial da Unesco na que o Concello leva traballando varios anos.

venres, 8 mai 2026

“A Xunta de Galicia continúa no seu proceso de devaluación da categoría medioambiental das Illas Cíes”, lamentou o rexedor este venres, explicando que nunha carta remitida ao Concello o ente autonómico propón que o Parque Nacional das Illas Atlánticas sexa declarado a 8ª Reserva da Biosfera da Unesco en Galicia. “Xa non defenden que sexa Patrimonio da Humanidade senón que lle rebaixan a catalogación. Nós reclamamos que as Cíes se declaren Patrimonio e Xeoparque Mundial, as dúas maiores cualificacións no ámbito medioambiental da Unesco e as illas reúnen todos os requisitos para selo”.

Na carta enviada ao presidente da Xunta, Abel Caballero traslada o seu rexeitamento ao propósito autonómico e recalca a posición municipal “sobradamente coñecida”, un proxecto “sólido, baseado no coñecemento e elaborado por expertos con rigor e solvencia”, no que o Concello leva anos traballando con “seriedade e compromiso”, polo que esixe unha rectificación coa retirada desa petición autonómica á Unesco.

“Non nos conformamos con Reserva da Biosfera, esa é unha catalogación que xa teñen moitas áreas en Galicia e España. Seguen empeñados na idea do Parque das Illas Atlánticas sabendo que as Illas Ons non van ser nunca Patrimonio da Humanidade porque os colonos que as habitan non queren e ese é un requisito imprescindible. Amais de que Sálvora e Cortegada teñen un depósito de residuos ao lado”, outra das esixencias que incumpriría a normativa desa declaración, tal e como expuxo Caballero.

O rexedor lembrou que a Xunta xa anulara a proposta das Cíes a Patrimonio da Humanidade, presentando una “candidatura clandestina” do Parque Nacional. “Que fixo en 7 anos para que as Illas Atlánticas foran Patrimonio da Humanidade? Nada, seguen ríndose da cidade. Sempre contra Vigo”, reprochou, esixindo respecto polo proxecto de Vigo, que pon en valor as Cíes, con entidade propia e cumprindo os requisitos da Unesco para ser declaradas Patrimonio da Humanidade e Xeoparque Mundial.

Descargar todas as imaxes