Escoitar

Abel Caballero: “A forma de facer política é buscar á xente camiñando ao teu lado”

O alcalde ofreceu esta mañá a conferencia “Vigo: A transformación total dunha cidade” no acto organizado en Madrid por Forum Europa, no que amosou o seu compromiso para continuar co modelo de xestión da cidade, que conta co “acompañamento maioritario” da cidadanía expresado nun apoio do 85 por cento das vigueses e viguesas e que fixo posible que Vigo camiñe nun “proceso extraordinario de unidade”.

xoves, 7 mai 2026
Abel Caballero durante a súa intervención no Forum Europa
Abel Caballero durante a súa intervención no Forum Europa

“Todo sucede nas cidades” afirmou Abel Caballero ante a ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagros Tolón, e as numerosas personalidades que participaron no acto organizado por Forum Europa, tras comprometerse a seguir traballando para manter a Vigo como a cidade coa maior calidade de vida, como referente do municipalismo, así como a unidade alcanzada nos últimos 19 anos “porque se estamos unidos conseguímolo todo”.

O alcalde sinalou a transcendencia da “responsabilidade política” dos primeiros edís para conseguir que a calidade de vida dos seus concidadáns sexa a máis elevada posible, así como de “facelo desde a proximidade dunha cidade de 3 millóns ou de 300.000 habitantes, porque a clave é o que sucede cando saes á rúa na túa cidade”. Afirmou que, a pesar de ter exercicio como ministro e deputado, “non hai nada igual que moverte pola túa cidade como alcalde porque recibes rapidamente as sensacións do que está a suceder coa política que aplicas e compartes. Velo, vívelo e iso produce unha interacción da política única”.

Ao confirmar que repetirá como candidato á alcaldía de Vigo nas eleccións de 2027 e 2031, afirma Caballero que, se nestes momentos houbese comicios municipais, a candidatura socialista obtería entre o 65 e o 70 por cento do voto, alcanzando unha representación de 20 ou 21 concelleiros dos 27 da Corporación, conseguindo unha diferenza de 50 puntos co PP e de 55 puntos co BNG. “Isto significa a implicación total, que conseguimos un proxecto unidade que transversaliza mesmo o ideolóxico porque noutras eleccións os comportamentos son distintos”.

O rexedor olívico incidiu en que no caso de Vigo a forza da política conseguiu cambiar a visión da cidade, que pasou de ser unha descoñecida a contar cunha proxección mundial e transformar totalmente o modelo urbano. “A forza da política é ser capaz de aglutinar o mellor do espazo urbano e lanzalo nun proceso aberto a toda a cidadanía e contando coas economías das empresas”.

A ministra Milagros Tolón destacou o traballo desenvolvido por Abel Caballero na defensa do municipalismo, así como a transformación e modernización que imprimiu á cidade ao longo de 19 anos como alcalde. “Converteu a Vigo nunha cidade cada vez máis atractiva para vivir e traballar. Soubo proxectar a imaxe dunha cidade ambiciosa e que se manteñan como referencia de Galicia e do resto de España, conseguindo que millóns de persoas a identifiquen co Nadal”, afirmou.

Vivenda

O alcalde de Vigo defendeu en Madrid que a crise de vivenda responde á falta de actuación da Xunta de Galicia, administración que, segundo afirmou, ten a competencia nesta materia e “non construíu nin unha soa vivenda de alugueiro a prezo taxado en 18 anos”. Fronte a esta situación, afirmou, o Concello está a impulsar a creación dunha empresa pública de vivenda e xa ten en marcha 750 novas vivendas, ademais dun programa ambicioso para incorporar pisos ao mercado do alugueiro. “A cidade dinos que ese é o camiño, porque moitas familias non poden pagar os prezos actuais nun contexto no que só se fixeron 62 vivendas públicas para unha demanda estimada de 10.000”, sinalou.

Vigo Vertical
En materia de mobilidade, o rexedor subliñou que Vigo presenta unha dimensión distinta, marcada pola súa orografía, e que por iso a cidade está a desenvolver un modelo propio baseado en ramplas mecánicas, ascensores e sistemas de mobilidade vertical. Segundo explicou, Vigo conta xa con arredor de 70 instrumentos de mobilidade mecánica e con percorridos que alcanzan os tres quilómetros, unha rede que a cidadanía demanda seguir ampliando. O alcalde destacou que estes avances foron posibles grazas aos fondos europeos canalizados a través do Goberno de España.
No ámbito económico, o alcalde puxo o foco na importancia estratéxica de Stellantis para Vigo e para o conxunto da área metropolitana. Lembrou que a cidade conseguiu un PERTE para a factoría, cunha capacidade de produción superior aos 550.000 coches ao ano, e atribuíu esta axuda á negociación directa mantida co Goberno de España. “Con esta decisión, Vigo asegura unha parte importantísima da súa economía para os próximos 30 anos”.

Mundial 2030

Na súa intervención, Caballero asegurou que o Estadio Municipal de Balaídos será “ao cento por cento” sede do Mundial de Fútbol do ano 2030, que é un “proxecto imbatible pese ao que sucedeu” coa Real Federación Española de Fútbol, que “alterou as sedes para botar a Vigo” censurando que “non é lexítimo alterar puntuacións para que unha cidade quede fóra”. Agora, ao rexedor cónstalle que xa enviaron a documentación á FIFA malia non que non ten a confirmación oficial e criticou que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra “non queiran pagar” a parte da reforma do estadio que lles corresponde.

Ao respecto, a ministra de Deportes, Milagros Tolón, asegurou que asume como “propio” o obxectivo da candidatura da cidade como sede mundialista. No almorzo estaba José Manuel Rodríguez Uribes, presidente do Consello Superior de Deportes. O alcalde agradeceu o apoio de Tolón e Uribes á candidatura viguesa.

Turismo

En referencia ao turismo, o alcalde puxo en valor Vigo como a “primeira cidade turística de Galicia” e preguntado pola situación dos aeroportos apuntou que “sen transporte aéreo non hai cidades notables e soamente hai unha forma de ter voos que é apoiar ás compañías”, un aspecto no que está traballando o Concello de Vigo, ao contrario, dixo, do que sucede coa Xunta de Galicia e coa Deputación de Pontevedra que “din que non”.

Sobre a taxa turística, explicou que a súa aplicación na cidade foi unha idea que lle trasladou o sector hoteleiro que “queren contribuír” coa súa actividade ao desenvolvemento turístico vigués.

Para Abel Caballero, o Nadal é unha das claves da “imaxe de marca excepcional no mundo” que ten Vigo. “Inventamos o Nadal do século XXI e iso non se improvisa, estúdase, visítanse as feiras...”. O Goberno municipal traballa durante todo o ano para preparar esta celebración e considera que é Vigo quen lanzou esta idea do Nadal “un valor de marca extraordinario”, que sae do ámbito local sen axuda da administración galega e que “enche hoteis a 100 quilómetros de distancia”. Avanzou que o próximo Nadal ofrecerá “unha dimensión diferente”.

Citou tamén o traballo do Concello coa campaña “Cíes, patrimonio da Humanidade da Unesco”, “un factor da maior importancia. Querémolas pero o proxecto está parado pola Xunta”. Tamén declarou o alcalde que “somos a cidade máis limpa do mundo”, algo que acreditan as 9 vasoiras de platino nos últimos 18 anos e somos “unha cidade segura” cunha política social “importantísima; non queremos que ninguén quede marxinado”.

Pola contra, lamentou que Vigo sexa a “única grande cidade de España sen alta velocidade. Aznar negóunola e Rajoy paróunola” e que non teña autovía directa “porque o goberno do PP non quixo e agora que existe un proxecto de 400 millóns do Goberno de España, por política, o presidente da Xunta di que non. Estamos lanzando un proxecto de éxito e temos que facelo co choque doutras administracións”.

Abel Caballero durante a súa intervención no Forum Europa
Descargar todas as imaxes