Vigo reclama por carta que Xunta e Deputación financien a primeira actuación de Tribuna para o Mundial 2030
O alcalde explicou que o investimento para executar o desprazamento dos colectores elévase a 2.821.000€, un custe que Xunta e a Deputación “teñen que pagar tamén”.
Na Xunta de Goberno deste venres deuse conta da obra de retranqueo dos dous colectores situados diante da grada de Tribuna no estadio de Balaídos. Trátase, informou Abel Caballero, da "obra de ampliación para o Mundial 2030 que require dunha intervención de gran envergadura nestas infraestruturas de saneamento”. Son dous grandes colectores (o do río Lagares e o de Fragoso), que discorren paralelos á Tribuna e “teñen un diámetro de máis de metro e medio e unha capacidade de desaugadoiro de 3.600 litros por segundo”. Os traballos de retranqueo implicarán un volume de escavación de 8.500 metros cúbicos.
O rexedor explicou que como se trata dunha actuación que forma parte das obras necesarias para o Mundial de 2030, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra “teñen que pagar tamén”. O investimento nesta actuación é de 2.821.000 euros, polo que Caballero explicou que cada administración deberá “pagar 940.600 euros e non queren”.
“Xa lles envío a carta dicíndolle que fagan unha transferencia dun terzo a Xunta e un terzo a Diputación, o outro terzo correspóndelle ao Concello", ao seren obras para o Mundial de fútbol, revelou Caballero, sinalando que é o que vai permitir alcanzar os 43.000 espectadores no estadio de Balaídos, requisito da FIFA para ser sede do Mundial. Finalizou o alcalde recriminando a falta de apoio da administración autonómica e provincial “para que Vigo non teña notoriedade” e sentenciou que "isto xa non hai quen o pare”.