Escoitar

A concesión de Balaídos ao Celta será por un máximo de 75 anos e un canon anual de 802.837 euros

O Concello aprobou este venres a proposta de concesión do Estadio Municipal de Balaídos ao Celta, por un período de 50 años (prorrogables a 75). Segundo o prego de condicións, o club pagará un canon anual de 802.837 euros, que podería ser axustado en caso de perda de ingresos por obras, entre outras circunstancias.

venres, 10 abr 2026

A Xunta de Goberno Local aprobou o prego de condicións económico-administrativas que rexerán a concesión do estadio municipal de Balaídos ao Real Club Celta de Vigo. Tal e como afirmou Abel Caballero, será unha concesión por 50 anos prorrogable ata un máximo de 75, un período no que o Celta poderá explotar en exclusiva o estadio e os diferentes espazos e locais; poderá utilizalo para uso deportivo e calquera outro uso compatible, sempre que estes usos non superen o 50% da superficie (teñen carácter de uso compatible os usos terciarios ou similares).

O texto recolle que o club compensará ao Concello cun canon anual de 802.837,93 euros. Este importe podería axustarse nas seguintes circunstancias: investimentos en obras no estadio; acordos co Concello para actividades culturais que difundan a marca Vigo ou por ingresos que deixen de percibir durante a execución das gradas de Gol e de Tribuna.

A concesión establece dereitos para o Real Club Celta: utilización da instalación, comercialización de dereitos audiovisuais e de todo tipo vencellados aos eventos deportivos, posibilidade de establecer unha denominación comercial para o estadio ou organizar actividades culturais e de ocio.

Entre as obrigas que asume o club, o documento recolle sufragar os custos de servizos e subministracións; destinar o estadio como sede do primeiro equipo -un requisito de “primeirísima magnitude” -, facer fronte aos gastos de conservación, reparación, limpeza e seguridade; así como presentar un plan anual de mantemento. Tamén deberán realizar as obras que excedan da mera conservación e mantemento que poidan ser impostas pola Liga ou pola UEFA e, en todo caso, podería revisarse o importe do canon.

O alcalde apuntou que o Concello resérvase certas prerrogativas: a utilización das pistas e espazos baixo a grada de río; o uso de espazos publicitarios para a marca Concello de Vigo -visible desde calquera punto en todos os eventos -; a celebración de eventos de interese xeral -respectando o calendario do club -; así como a realización de obras de carácter estrutural para eventos convenientes para a cidade e de forma coordinada co Celta.

Sobre o procedemento administrativo, tras a aprobación de hoxe ábrese un período de información pública de 30 días hábiles. Unha vez esgotado o prazo e resoltas as eventuais alegacións, procederase á aprobación definitiva e á súa formalización administrativa entre o Concello e o Celta. Caballero precisou que a tramitación desta concesión está no principio do procedemento, matizando que “o proceso arranca moi ben, cunha decisión que é moi boa para a cidade, moi boa para o Celta e moi boa para todos”. Amais amosou a súa “satisfacción persoal como alcalde e como afeccionado e fan do Celta por este inicio”.

Descargar todas as imaxes