Escoitar

Vigo esixe á Xunta que presente un plan de actuación para o servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro

Elena Espinosa lamentou “a saturación permanente, os atrasos, o amoreamento e o progresivo deterioro da calidade asistencial” e pediu garantir “unha atención sanitaria digna, segura e de calidade. Tamén desde o Grupo Socialista instaron de novo á Xunta a decretar a gratuidade do aparcadoiro do hospital e a ceder ao Concello unha parcela para construír un novo para o persoal e persoas usuarias.

luns, 26 xan 2026

O Pleno aprobou urxir a mellora do servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro tras “o colapso continuado”. A concelleira Elena Espinosa defendeu a creación dun Plan integral de actuación que conte coa participación dos profesionais e os servizos, así como a dotalo de financiamento para ter recursos materias e humanos. Os socialistas e o BNG votaron a favor, mentres que o PP se abstivo.

“O servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro chegou a atender 797 pacientes en 24 horas, unha das cifras máis elevadas desde a súa apertura. A presión asistencial é extrema e converteuse nunha constante”, declarou Espinosa.

Aparcadoiro gratuíto

O concelleiro Carlos López Font insistiu na necesidade de decretar a gratuidade no aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro. Amais, insistiu na proposta do Goberno local de construír un novo espazo para o estacionamento gratuíto nunha parcela que ten que ceder a Xunta de Galicia ao Concello.

López Font lamentou que o goberno autonómico non atenda a petición do Concello “porque na actualidade é un imposto á sanidade, que pacientes e familiares veñen soportando desde hai máis de dez anos para o enriquecemento da concesionaria, coa complicidade do goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia”.

A moción do Grupo Socialista foi aprobada cos votos a favor do PSOE e o BNG. O PP votou en contra.

Descargar todas as imaxes