Escoitar

O Alcalde visita as instalacións municipais do Corpo de Bombeiros

O Alcalde en funcións de Vigo, Ventura Pérez Mariño, visitou hoxe as instalacións municipais dos bombeiros de Balaídos e Teis para transmitirlle aos efectivos a súa gratitude polo traballo desenvolvido por este corpo ao longo destes meses de mandato. Acompañado polo concelleiro de Seguridade, Xulio Calviño, Pérez Mariño explicoulle a estes traballadores do Concello de Vigo que neste tempo de Goberno sentiu en todo o momento o apoio do funcionariado. <br />

xoves, 4 dec 2003
O Alcalde en funcións destacou a importante labor que desempeñan os bombeiros e instoulles a colaborar co Goberno seguinte como o fixeron co que él presidirá en funcións ata o sábado 13 de decembro.

Esta visita enmárcase dentro dunha ronda de contactos que o Alcalde e os concelleiros socialistas farán durante estes últimos días de mandato para despedirse e agradecerlles aos funcionarios dos distintos organismos municipais autónomos a súa colaboración. O actual goberno xa fixera este percorrido cando iniciou o seu mandato, nesta ocasión co ánimo de presentarse como Goberno e coñecer de cerca tódalas instalacións municipais.

O Corpo de Bombeiros conta na actualidade cunha plantilla de 122 efectivos, aínda que se vai ver incrementada con brevidade posto que nestes intres estanse a desenvolver as probas de acceso para cubrir tres prazas de bombeiros e cinco de conductores.

Este grupo de seguridade, dividido en dous parques, realiza unha media anual de dúas saídas diarias. Durante esta época do ano, a maioría delas están relacionadas con problemas con instalacións eléctricas, temporais ou inundacións.