Escoitar

Concello e Zona Franca inician a recuperación da Panificadora

Abel Caballero e David Regades asinaron o protocolo de actuación no ámbito da Panificadora que impulsa o seu desenvolvemento urbanístico. “Marcamos o inicio de recuperación da Panificadora para a cidade”, declarou o alcalde. A licitación do proxecto estará no primeiro semestre de 2025.

venres, 13 set 2024

“Hoxe a cidade de Vigo sorrí”, comezou Abel Caballero a súa intervención na sinatura do protocolo xeral de actuación entre o Concello e o Consorcio da Zona Franca de Vigo para o ámbito da Panificadora. Con este documento, establécense as bases para impulsar o desenvolvemento urbanístico da antiga industria do pan en Vigo, que inclúe todas as edificacións da fábrica, os inmobles da rúa Santiago e o espazo comprendido entre esta rúa e a Praza do Rei, cunha superficie aproximada de 9.500 metros cadrados.

O protocolo marca o inicio da recuperación da Panificadora para a cidade. Segundo avanzaron ambos os mandatarios, a licitación do proxecto está prevista para o primeiro semestre de 2025. O alcalde explicou que “agora hai que redactar o convenio, que definirá o como, para que, os detalles e o investimento” e que se fará “en canto o PXOM estea aprobado”. O Concello expropiará os terreos para recuperar todo o espazo e integralos na estrutura urbana.

Caballero recapitulou a historia da Panificadora, pechada hai 44 anos, e que define o comportamento de cada un dos gobernos que tivo a cidade: “O noso é a rehabilitación mantendo toda a esencia arquitectónica e urbanística e sexa para a cidade. Outros trazaron grandes torres para pelotazos urbanísticos”.

O rexedor louvou a acción de Zona Franca con David Regades ao fronte, “moi importante para o desenvolvemento económico na cidade pero tamén para o social”. Así mesmo reivindicou a acción do goberno local, con recuperacións como a do Casco Vello e a zona de Vialia, e outros próximos como Barrio do Cura ou a Praza da Igrexa.

Pola súa banda, o delegado do Estado da Zona Franca de Vigo celebrou “que Vigo teña un alcalde que recupere os edificios e que manteña a súa pegada industrial”.

Descargar todas as imaxes