Escoitar

Abel Caballero anuncia o inicio dunha nova etapa e o cambio de contexto nas relacións coa Xunta

O alcalde anunciou este martes o cambio de contexto e a apertura dunha nova etapa nas relacións coa Xunta: “unha boa senda e unha boa travesía para chegar a acordos”. Abel Caballero e o Alfonso Rueda acordaron unha extensa listaxe de proxectos para Vigo, así como encontros anuais para examinar o avance de todas as iniciativas. “A reunión foi francamente ben na forma e no fondo”.

martes, 25 xuñ 2024

Abel Caballero marcou hoxe o inicio dun novo escenario da relación do Concello de Vigo coa Xunta de Galicia tras manter unha reunión co presidente, Alfonso Rueda, na que participaron a primeira tenente de alcaldía, Carmela Silva, e a delegada da administración galega na cidade, Ana Ortiz.

Satisfeito co encontro, o alcalde recalcou que a reunión estivo marcada por ser “moi fluída, cómoda, sosegada, reflexiva, tranquila” e “unha forma amable de manter a comunicación entre o presidente da Xunta e o alcalde da cidade de Vigo”, así como por ter avanzando “ben” nos contidos.

Obras e vivenda

O rexedor destacou que entre os temas de consenso constatados con Alfonso Rueda atópase retomar o proxecto para construír o túnel de Beiramar, por considerar que se trata dun dos temas prioritarios e “centrais” para Vigo. “Expúxenlle que debían retomar o proxecto realizado pola administración galega a principios da década pasada, actualizalo e recalcular o custo para poñernos a falar de levalo adiante e do financiamento desa gran obra”, apuntou. Acto seguido indicou que no financiamento desta obra debe participar a Autoridade Portuaria de Vigo e o Goberno de España, “porque é a comunicación cun porto e a relación porto-cidade e como o acceso ao porto irrompe de forma notable na cidade de Vigo”.

A Xunta e Concello financiarán a partes iguais o novo estadio de atletismo de Balaídos: “realizaremos conxuntamente a gran reforma das pistas e do estadio de atletismo, financiado ao 50% entre Concello de Vigo e Xunta de Galicia”, desvelou o rexedor. Explicou que o Concello está redactando o proxecto e que, unha vez rematado, “firmaremos un convenio entre ambas institucións. Caballero sinalou que o proxecto pode alcanzar “os 9 millóns de importe”.

O alcalde tamén avanzou a súa proposta de “xerar un grupo de traballo para acordar as obras e melloras da rede viaria da Xunta de Galicia” na área de Vigo. Caballero exemplificouno na “conexión da Balsa coa continuidade ata a vía autonómica; a estrada de Baiona ou a Avenida de Galicia”. O grupo de traballo tería por obxectivo “reflexionar e falar”, para evitar sucesos como “o da Avenida de Castrelos, onde o ente autonómico está realizando unha obra, na que falta o abastecemento e o saneamento, polo que o Concello terá que actuar posteriormente”, tema que o rexedor destacou que “non ten que volver suceder”.

Outros dos acordos adoptados hoxe é a creación dun grupo de traballo para empezar “de forma inmediata” a facer formulacións conxuntas sobre a vivenda e o seu desenvolvemento na cidade, co obxectivo de dar resposta á importante demanda de vivendas con algún tipo de protección, para persoas vulnerables e para alugueiro para a mocidade.

Abel Caballero desvelou que, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, propuxo “a creación dun grupo de traballo entre ambos entes, para tratar as grandes infraestruturas que partindo de Vigo conectan con outros lugares”. De xeito específico trátase de “saída sur ferroviaria, o Vigo-Ourense por Cerdedo en alta velocidade e a autovía en túnel ao Porriño”. Estas obras que o alcalde cualificou de “vitais para Vigo e para Galicia”, polo que “acordamos constituír este grupo de traballo, reforzándonos mutuamente; intercambiando información e levando adiante, xa que se imos xuntos teremos máis forza”.

Na reunión acordouse tamén a construción dun aparcadoiro subterráneo na ETEA, baixo a praza de Armas. O rexedor explicou que se trata dunha idea do Consorcio da Zona Franca de Vigo, que fará o proxecto e a obra, acompañada da urbanización dos accesos que lle corresponde á Xunta.

Illas Cíes e resolución do problema da seca

O alcalde puxo sobre a mesa que a Xunta retire a súa candidatura de Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade e apuntou que podería verse se o Concello accede ao transporte metropolitano.

Sobre a seca, ambas institucións acordaron seguir na resolución do problema. Caballero lembrou que a obra da potabilizadora levada adiante polo Concello xa resolve a utilización de máis auga provinte do encoro de Eiras. Con todo, o presidente da Xunta considera que a opción é un transvase desde o Miño, pero con esa obra non se podería utilizar a potabilizadora, explicou o rexedor.

Amais, Rueda e Caballero acordaron a sinalización do Camiño de Santiago na cidade de Vigo a través de pantallas dixitais. O Xacobeo tamén traerá a Vigo un gran concerto ao ano.

Outros temas

Un tema pendente é o convenio para o financiamento de voos, aínda que a Xunta insistiu que o goberno autonómico non financia rutas aéreas. Caballero tamén reclamou que a Xunta asigne a Vigo fondos europeos. En canto ao edificio Fraga, o alcalde expresou a vontade de estar presente na explotación xunto ás outras institucións: Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Zona Franca, una proposta que desde a Xunta manifestaron xa ter pechada. O goberno local tamén enviará á Xunta un listado cos temas de política social que quedaron pendentes de abordar na xuntanza.

Descargar todas as imaxes