A Corporación insta á Xunta de Galicia a facer públicos os datos sobre dispoñibilidade de vivenda pública protexida
A moción defendida por Yolanda Aguiar, contou co voto favorable do grupo socialista e a abstención de Partido Popular e BNG.
O Pleno ordinario da Corporación municipal deste mes de xuño debateu a moción proposta polo Partido socialista vigués para instar á Xunta de Galicia a facer públicos os datos sobre dispoñibilidade de vivenda pública protexida en Vigo e a súa área de influencia.
A concelleira de Política Social defendeu que “son reiteradas as peticións que ten realizado o Concello de Vigo para que a Xunta de Galicia e, concretamente, o Instituto Galego da Vivenda e do Solo faciliten os datos de cantas vivendas destina en Vigo e a súa área para situacións de emerxencia social”, ao ser, “competencia exclusiva da Comunidade Autónoma a ordenación do territorio, do litoral, o urbanismo e a vivenda”, como indica o artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia.
“Tamén descoñecemos cales son as previsións de incremento do parque de vivenda para estas situacións extraordinarias que poderían ser obxecto dunha adxudicación directa de vivenda”, sinalou Aguiar. O pleno do Concello de Vigo aprobou a moción, con 15 votos favorables do grupo socialista e 8 abstencións, 5 do Partido Popular e 3 do Bloque Nacionalista Galego.