O MARCO organiza talleres inclusivos infantís este verán
O alcalde deu conta este venres do programa “Marco Inclusivo”, que inclúe laboratorio de arquitectura, talleres de verán e visitas e obradoiros ao redor das exposicións temporais.
“Será un verán entretido e educativo” para o público infantil que participe nas actividades do Marco, avanzou o rexedor, ao informar da programación do Museo que ofrece unha nova proposta centrada na arquitectura e os espazos do propio museo.
As actividades enmárcanse no programa “Marco inclusivo”, que conta coa colaboración da Fundación “La Caixa”.
Os talleres son os que seguen:
1) Laboratorio de arquitectura dirixido a público infantil a partir de 6 anos. Celébrase do 4 ao 30 de xullo de 11,30 a 13,00 h con actividades divulgativas con metodoloxías creativas e lúdicas, adaptadas ás idades dos/as participantes. Propoñen unha vivencia do espazo que afonda nos conceptos de forma máis experimental e multisensorial, poñendo en xogo todos os sentidos.
2) Talleres infantís de verán para nenas e nenos de entre 3 e 6 anos, do 3 ao 31 de xullo de 12,00 a 13,30 horas.
3) Visitas e talleres ao redor das exposicións temporais para público de todas as idades (colectivos, asociacións e grupos con necesidades específicas). Desenvólvense do 3 ao 31 de xullo de 10,30 a 12,00 horas.
Os tres talleres son de inscrición gratuíta (na páxina web do museo) ata finalización de prazas dispoñibles.