Escoitar

“Vigo vai descubrir que o río Lagares é moito máis fermoso do que pensabamos”

O alcalde e a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, visitaron hoxe as obras do paseo do Lagares na zona da Poza da Serpe, unha fervenza sobre a que foi necesario realizar unha intervención arquitectónica con pasarelas, escaleiras e miradoiros para salvar o desnivel de 30 metros de altura.

xoves, 20 xuñ 2024
O alcalde e María Xosé Caride durante a visita
O alcalde e María Xosé Caride durante a visita

Tal e como explicou Abel Caballero, a senda do Lagares está finalizada entre a Avenida de Madrid e a desembocadura do río, que é o tramo que na actualidade utiliza a cidadanía e “agora facemos a ampliación desde a Avenida de Madrid ata Manuel Álvarez”, subindo polo curso do río, un treito de 3,3 quilómetros de longo que conta cun investimento de 1,2 millóns de euros. Esta eraa única zona do río na que non existía unha infraestrutura que permitise á xente achegarse á conca.

“Vigo vai descubir que o río Lagares é moito máis fermoso do que pensabamos”, sinalou o alcalde, ao explicar que coa nova obra “o paseo do Lagares vai constituírse nun dos pulmóns verdes da cidade”.

O curso do río Lagares mide 17,7 quilómetros de longo e o percorrido completo do novo paseo alcanza os 11,3 quilómetros cun investimento total de 1,5 millóns de euros. “Estamos descubrindo e facendo accesibles zonas excepcionais do río na cidade e abriremos ao uso público unha zona que vai completar en conxunto máis de 11 quilómetros de paseo”, apuntou o rexedor.

Unha vez finalizado o novo tramo do Lagares, a cidadanía poderá achegarse a “espazos dunha beleza inigualable” como as ribeiras da parte baixa de Cambeses, con grandes carballos e amieiros tapizados de hedras e madreselvas, ou a zona da Poza da Serpe, unha fervenza de 30 metros de altura, que requiriu unha intervención arquitectónica singular para salvar as escarpadas ladeiras do río. O goberno municipal instalou un xogo de pasarelas de madeira, escaleiras e miradoiros de 300 metros que salvan o desnivel e permiten dar continuidade ao paseo, en zonas que antes eran inaccesibles.

A previsión é que as obras finalicen nun prazo de dous meses.

 

O alcalde e María Xosé Caride durante a visita
Descargar todas as imaxes